Madrid licita obras dunha deputadora nas parroquias ribeirás de 'Castiñera' e 'Revuelta'

[Imaxe de arquivo de sinalización con toponimia deturpada]

''Se mudásemos o secretario xeral de Política Lingüística por unha estatua de cera ninguén o notaría'', denunciou o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, após comprobar un uso ilegal de topónimos que non se daba "nen no franquismo".

 

Ribeira, Aguiño, Ameixida, Revuelta e Castiñera. Son as augas que vai deputar a nova estación cuxas obras vén de licitar o ministerio español de Agricultura, segundo informou nunha nota de imprensa.

Se a deturpación da toponimia galega é habitual por parte do goberno de Madrid e das institucións que del dependen, coma a TVE, desta volta o departamento que dirixe Miguel Arias Cañete foi máis aló e empregou formas ilegais "que non se usaban nen no franquismo". 

"De mudarmos o secretario xeral de Política Lingüística por unha estatua de cera ninguén se decataría"

Así o denunciou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, após coñecer a nova de que un comunicado oficial dun Ministerio mudaba a toponimia propia por outra deturpada no caso destas das parroquias de A Revolta e Castiñeiras.

Callón, que para alén do cargo que ocupa e da actividade que desenvolve é tamén veciño desta última parroquia, preguntouse "como pode ser o proceso polo cal a administración de Rajoy decide desgaleguizar os topónimos galegos". Desbotada a posibilidade de que se trate dun erro propio dun traductor automático --pois Castiñeiras sería Castañares--, Callón considerou que desta volta a castelanización é "aínda máis chafalleira" e reproduce "un desprezo absoluto pola nosa realidade".

As explicacións exténdense tamén até a Xunta da Galiza, nomeadamente ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a quen acusa de desleixo enfatizando que "de o mudarmos por unha estatua de cera ninguén se decataría".