Multas por asistir a un acto de homenaxe a Carvalho Calero en Ferrol

O acto poético, que decorreu diante da casa natal do escritor e filólogo galego, foi considerado pola Subdelegación do Goberno como unha "infracción grave".

A Fundaçom Artábria leva mais de 15 anos lembrando a figura do intelectual, sociolingüista, filólogo e estudioso da nosa literatura Ricardo Carvalho Calero. O acto decorre sempre na rúa de San Francisco, diante da casa onde Carvalho Calero naceu en 1910. Este ano a entidade cívica preparara un acto poético con música e ofrenda floral que foi interrompido pola policía local. Segundo varias testemuñas a policia municipal comezou con maos modos a pedir a documentación e a interromper a ceremonia. Daquela non pasou máis nada e a xente voltou para as súas casas.

Agora, dous meses despois, as persoas da Fundaçom Artábria recibiron no seu domicilio unha notificación por parte da Subdelegación do Goberno en que se lles informa da apertura dun proceso sancionador por valor de 310 euros por cometer unha "infracción grave". O documento, escrito exclusivamente en castelán, afirma que as persoas participantes se "abalanzaron" contra os axentes, cousa que negan con rotundidade desde a Fundaçom Artábria.

As persoas da Fundaçom Artábria recibiron no seu domicilio unha notificación para pagar 310 euros

Denuncian represión
A Fundaçom Artábria manifesta a  "preocupaçom com a linha repressiva que o novo governo do nosso concelho está a imprimir à força policial municipal" e asegura que o concello persegue "eventos culturais como a tradicional homenagem protagonizada pola nossa entidade". Agora comezaron unha campaña solidaria para afrontar colectivamente a multa económica imposta, no caso de non se resolver o recurso que apresentaron os servizos xurídicos.