O BNG exixe ao PP que rectifique a súa política lingüística

Bieito Lobeira
Bieito Lobeira denuncia “o desprezo do Partido Popular” polo idioma galego e avanza que se non cambia esta política, “o BNG rachará con todos os acordos en materia lingüística” volvendo á situación do ano 2004

O portavoz de Política Lingüística do BNG, Bieito Lobeira afirmou hoxe, en sede parlamentaria, que o Goberno do Partido Popular mantén “unha posición belixerante e de desprezo” co idioma galego polo que de non mudar esta política, “voltaremos á situación de hai 30 anos” con mobilizacións sociais e a golpe de “pincel e spray”.

Lobeira compareceu perante os medios de comunicación para presentar a moción nacionalista que será debatida proximamente no Parlamento galego destinada ao cumprimento do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Última oportunidade

O nacionalista afirmou que, “esta é a última oportunidade que ten o Partido Popular para rectificar a súa política nesta materia” e engadiu que de non producirse un acordo na moción, “o BNG romperá calquera tipo de acordo ou interlocución co PP”.

Neste sentido, engadiu que, “nós non imos ficar sos na defensa duns acordos que sistematicamente son desprezados polo Goberno” e reiterou que de darse esta circunstancia, “voltaremos á situación previa ao ano 2004” para restituír a lingua galega alá onde quede excluída.

O parlamentario tamén se referiu ao título do poema de Rosalía de Castro “a xustiza pola man” para responder a un modelo que o Partido Popular pretende impoñer como acontece coa nova sinalización turística que a todas luces, vulnera a toponimia galega, “rexeitamos este modelo e responderemos para que non se aplique”

Hipocrisía do PP no Día das Letras Galegas

O parlamentario do BNG arremeteu contra o que denominou “ hipocrisía do Partido popular” pola que o Presidente da Xunta “acomplexado pola súa condición de galego” reconverterase nun galeguista o 17 de maio, Día das Letras Galegas mais pasadomañá, dixo, “Feijoo e o Goberno galego renegarán do seu idioma”.

Para Lobeira, o Presidente Feijoo derramará mañá “bágoas de crocodilo” ao referirse a Valentín Paz Andrade porén despois, “seguirá combatendo día a día a lingua galega”.

O nacionalista reclamou a necesidade de “restituír o galego” e manifestou que e o obxecto da moción presentada hoxe persegue que “o Partido popular levante o veto a lingua galega, posto en marcha dende que Feijoo accedeu ao Goberno”.

Cumprir a legalidade en materia lingüística

Lobeira concluíu a súa comparecencia reiterando parte dos puntos incluídos no texto entre os que destacou: o uso da lingua galega na súa forma escrita e oral no desempeño da responsabilidade pública dos conselleiros e conselleiras, cargos públicos, sociedades e institucións análogas, garantir o uso oficial da toponimia galega, restituír a dobraxe ao galego na programación infantil, derrogar o Decreto do Plurilingüismo e cumprir o estabelecido no Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega.