LINGUA

O fiscal superior da Galiza reclama ''que a RAG se proxecte por riba da literatura'' e defenda o galego no eido xurídico

Carlos Varela e Méndez Ferrín mantiveron unha xuntanza ''histórica'' en que o fiscal manifestou a necesidade de que o uso da nosa lingua se normalice na Xustiza. Emprazou á Real Academia a que elabore un vocabulario que as e os profesionais poidan consultar na rede

O fiscal superior da Galiza, Carlos Varela, trasladou nesta terza feira á RAG --Real Academia Galega-- "a necesidade de que a institución se proxecte por riba da literatura" para incidir na difusión da nosa lingua en ámbitos como o xurídico.

Nunha xuntanza co presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, que Varela cualificou como "histórica" --pois é a primeira vez que un presidente da RAG vai á Fiscalía superior de Galiza--, o fiscal informou ao intelectual de que a asociación Irmandade Xurídica Galega (Ixuga) organizará o vindeiro 16 de xuño unha homenaxe a Ramón Carballal Pernas, que exerceu na Audiencia territorial da Coruña e foi activo promotor da incorporación do galego ao eido xurídico.

Así, Varela reclamou perante Ferrín que o Día das Letras "debería abrirse" a figuras históricas de sectores distintos do literario "e que resultan fundamentais nestes tempos para a penetración e normalización do uso do galego". Alén disto, o fiscal propuxo que a RAG elabore un vocabulario xurídico na lingua propia do país que permita ás persoas dedicadas profesionalmente ao dereito consultar, a través da rede, termos legais que deben empregar.

"Estamos implicados nun proceso de normalización lingüística, de modo que procuramos que todas as nosas actuacións públicas incorporen sempre o galego como lingua de expresión", destacou Varela en relación á actividade da Fiscalía, e engadiu que, por primeira vez, a memoria anual da actividade que se presenta perante o Parlamento da Galiza foi elaborada no noso idioma.

"En casas como esta, en audiencias e xulgados, téñense perpetrado verdadeiros e masivos insultos e atentados contra a lingua, e durante séculos moitos galegos que acudían aos tribunais sen saber falar castelán eran interrogados nunha lingua que non entendían ben, feito que os situaba nunha situación de indefensión gravísima", recalcou Méndez Ferrín, quen reclamou que a lingua galega "debe ocupar plenamente e con dereito" o seu lugar nos tribunais de Xustiza.