O Concello de Compostela pídelle 600€ a Queremos Galego para colocar o palco na manifestación do 27

A plataforma cidadá en defensa da lingua vén de recibir a resposta do goberno local e considera a imposición da fianza como "un atranco á liberdade de expresión"


O Concello de Compostela vén de lle impoñer unha fianza de 600€ a Queremos Galego para a colocación do palco que empregarán na manifestación nacional do 27 de xaneiro. Así llo comunicou oficialmente o executivo que encabeza Ángel Currás á entidade sen ánimo de lucro. E non é a primeira vez que o PP compostelán trata de amordazar accións en defensa da lingua.

Ao fío, cómpre lembrar que en maio, a 48 horas da manifestación do 17, o goberno de Currás informou de que non autorizaba a colocación dun palco, un punto de luz necesario para a megafonía do acto final e unha faixa informativa na Alameda da cidade. Queremos Galego recorreu a decisión d@s conservador@s, e os tribunais déronlle a razón.

A imposición dunha fianza é "algo inédito" no executivo municipal e resposde á aplicación da ordenanza sobre a ocupación da vía pública, aprobada en pleno o 31 de maio de 2012 e que saíra adiante cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e o rexeitamento do BNG. Porén, a solicitude desta fianza racha co compromiso adquirido e reiterado por Ángel Currás noutro pleno celebrado o 25 de outubro.

A contestación social levou a unha modificación na ordenanza, realizada a partir das case 300 alegacións presentadas polo tecido asociativo da cidade e que en base á cal as entidades sen ánimo de lucro ficaban excluídas do pagamento de taxas e fianzas. Por todo o anterior, Queremos Galego non dubida en arremeter contra a decisión do Concello, máis unha mostra "do uso que quere facer o PP das institucións como a súa finca particular".

O colectivo que lidera Carlos Callón insta o PP compostelán a recuar da decisión tomada e informa de que volverá recorrer aos tribunais se Currás se empeña en pórlle a cambadela á mobilización. Nela pedirase a derrogación do decreto do plurilingüismo após as seis sentencias en contra ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, así como a retirada do anteproxecto da LOMCE polas agresións que contempla para a lingua propia do País.