TODAS AGáS O PP

As organizacións políticas galegas comprométense nun manifesto a pular por unha nova etapa para a lingua

Asinarán o 15 de xullo unha 'Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega', promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística. O PP deu a calada por resposta ao convite a partillar o manifesto.

 

As organizacións políticas galegas asinarán o 15 de xullo, día do 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, unha declararación na que mostrarán a súa unidade e compromiso común na defensa e promoción da lingua galega. Será un acto que decorrerá en Compostela, perante o monumento á escritora na alameda da capital de Galiza, a través dunha declaración “de unidade a prol da normalización da lingua galega” na que expresarán a vontade de repor e rehabilitar o idioma propio de Galiza en todas as áreas e institucións onde teñen representación, co acordo firme de o reactivar e promover coas accións e medidas que foren precisas, partindo de acordos comúns como a Lei de Normalización Lingüísitica ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A ‘Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega’ é promovia pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Anova-IN, Bloque Nacionalista Galego, Cerna, Compromiso por Galicia, Converxencia XXI, Esquerda Unida, Partido dos Socialista de Galicia-PSOE, Podemos Galiza e Terra Galega son as organizacións políticas que xa teñen confirmada a súa adhesión a esta declaración, na que non se posicionou o PP:

Decorrer do acto

O acto no que se dará lectura á Declaración de unidade a prol da normalización será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de Guadi Galego e Guillerme Fernández. Intervirán tamén, ademais do presidente da Mesa Marcos Maceira, as representantes das organizacións políticas asinantes.

Da Mesa pola Normalización sinalan que ademais están convidadas a asistiren as principais institucións, colectivos e entidades de Galiza, “as que traballan todos os días para repor e colocar a lingua nos ámbitos nos que actúan e que representan esa sociedade que traballou en solitario, sen apoio do actual Goberno, a favor da lingua e que debe ser protagonista do proceso de recuperación do noso idioma apoiado por unha nova política lingüística”.

Neste sentido, indican, “a unidade das forzas políticas nuns mínimos a partir dos que construír avances e a visibilización deses acordos é fundamental se queremos reverter o proceso de minorización que sofre o galego”.