Palabras con memoria: alimentándose moito ou pouco

Alápara é a persoa que come moito ou con moita présa. (Foto: Nós Diario)

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

alápara/o.- Persoa que come moito ou con moita présa.
Exemplo.- “O rapaz debía ter fame porque comeu coma un aláparo.”
Lugar de escoita.- Sober.
Fonte.- Ramón Sandoval.

caúña.- (Á marxe doutros significados) Caguña, óso dunha froita.
Lugar de escoita.- Nois (A Mariña).
Fonte.- Marco Candia.

curruco.- Parte extrema do pan.
Lugar de escoita.- Lugo.
Fonte.- Sergio Fernández Núñez (escoitado á súa irmá, Andrea).
Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

drogueira/o.- Persoa a quen lle gustan moito os doces.
Lugar de escoita.- Corme.
Fonte.- Vocabulario cormelán.
Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme.

esforrotar.- Cortar as verzas ou calquera outro tipo de verdura coas mans en cachos máis pequenos.
Exemplo.- “A avoa botoulle aos porcos un caldeiro de verzas esforrotadas.”
Lugar de escoita.- Gundivós (Sober).
Fonte.- Escoitado a Josefa de Naván, recollido por María Trigo, enviado por Ramón Sandoval.