Palabras con memoria: campos lingüísticos

Acolar é sinónimo de abanear as pólas das árbores para que caian os froitos. (Foto: Nós Diario)

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

acolar.- (Ademais de significados rexistrados) Abanear as pólas das árbores para que caian os froitos.
Lugar de escoita.- Chantada (Lugo).
Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.
Outros apuntamentos.- A fonte indica tamén a modo de curiosidade que os castiñeiros non se poden acolar, xa que ten que caer o ourizo da árbore para poder sacar o froito.

enguerella.- Apeiro de labranza para sacar o esterco.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

pación.- (Ademais de significados xa rexistrados) É como queda un prado logo de lle segar a herba.
Lugar de escoita.- Mondoñedo.
Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

tarear (2).- Pesar ou calcular o peso aproximado de algo.
Exemplo.- “Tareaban o pan máis ou menos.”
Lugar de escoita.- San Martiño, San Adrán de Cobres (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

v(b)ielo.- Galleta, forca, forcado.
Lugar de escoita.- Ínsua (Vilalba).
Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.