Palabras con memoria: comendo, máis ou menos

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Gandelo é unha palabra que na bisbarra de Bergantiños usan para se referir ao pan. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Gandelo é unha palabra que na bisbarra de Bergantiños usan para se referir ao pan. (Foto: Nós Diario).

desapregar.- Engordar.
Exemplo.- "Desaprega, neniña, que vas quedar nos ósos".
Lugar de escoita.- Gondaísque (Vilalba).
Fonte.- Fuco Paz Souto.
Outros apuntamentos.- Escoitada de boca de Francisco López Alvariño.

desgaxar.- (Ademais de outras aplicacións) Adelgazar, perder peso.
Exemplo.- "Antes non entraba polas portas, pero agora desgaxou moito e está moi guapo".
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).
Fonte.- Mario Ferreira.

esbúreo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Comer moito de algo e sen mesturalo con outro alimento.
Exemplo.- "Comeu pan esbúreo", "comeu touciño esbúreo".
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.

​gandelo/gandeleiro.- O primeiro termo refírese ao "pan" e o segundo ao "panadeiro".
Lugar de escoita.- Bisbarra de Bergantiños.
Fonte.- Alberte Suras.
Outros apuntamentos.- A pronunciación faise con "gheada".

landeira.- (Ademais de significados rexistrados) Ten que ver con temas culinarios. Refírese a cando un/ha ensucia máis do debido na cociña. Facer unha porcallada na mesa ou cando está comendo.
Exemplo.- "Vaia landeira que fixeches, onde aprenderías ti a comer!".
Lugar de escoita.- Coia (Vigo).
Fonte.- Ramón Sandoval.

Comentarios