Palabras con memoria: mundo animal
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
arganón.- Rata grande (de auga).
Lugar de escoita.- Arbo.
Fonte.- J. Ignacio Alonso (Salvaterra).
Outros apuntamentos.- A mesma fonte sinala que en Salvaterra é aguanón e ag(h)anón nas Neves.
bicho.- (Ademais doutros significados). Cría nova cabalar, sexa macho ou femia, ata que ten máis ou menos un ano, que é cando empeza a ser denominada/o poldra/o.
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Glosario da Rapa de Sabucedo de Manuel Cabada Castro e Roi Vicente Monteagudo.
courán.- Escaravello da pataca que non ten coiraza.
Exemplo.- “As patacas deste ano non valen nada con tanto courán.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Manuel Novas Canosa.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.
rescacheiro.- Rezcacheiro, ourizo cacho.
Lugar de escoita.- Baños de Molgas, Maceda (Ourense).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
sanguiño.- (Ademais doutros significados) Samesuga.
Lugar de escoita.- Cuntis.
Fonte.- Marcos Seixo.
touro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Cocho marón.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.