Palabras con memoria: nutríndose como se pode

As pupias son as migallas ou faragullas de pan que quedan tiradas pola mesa ou polo chan. (Foto: Nós Diario)
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

papello.- Amasada, remexido, mestura de cousas distintas; comida mal amañada.
Lugar de escoita.- Concello da Lama (Pontevedra).
Fonte.- Marcos Seixo.

percia.- Pota pequena onde facer o guiso.
Lugar de escoita.- Corme.
Fonte.- Vocabulario cormelán.
Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme.

pupias.- Migallas ou faragullas de pan que quedan tiradas pola mesa ou polo chan.
Exemplo.- “Nótase que comeche aquí, que tes todo estrado de pupias.”
Lugar de escoita.- Arbo.
Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

tapiñar.- Comer.
Exemplo.- “Imos tapiñar que se enfría a comida.”
Lugar de escoita.- Peiraio (Cambre).
Fonte.- Carmen Dovigo Varela.

tascar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Comer.
Lugar de escoita.- Soandres e Cerceda.
Fonte.- Fiamma Micaela Silva Candal/CPI O Cruce de Cerceda.