Palabras con memoria: tempo

Chámase galbanión ao tempo pesado antes da tormenta. (Foto: Nós Diario)
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

galbanión.- Tempo pesado antes da tormenta; calmón, recalmón.
Exemplo.- “A ver se descarga, que levamos todo o día con este galbanión.”
Lugar de escoita.- Zona do Eo-Navia.
Fonte.- Daniel GV.

ir un sol comido das formigas.- Expresión usada cando hai nubes moi esfiañadas ou néboa alta que non deixa que o sol quente moito.
Lugar de escoita.- Porqueira (Ourense).
Fonte.- Antón Méndez Gándara.

morrón (2).- (Ademais doutros significados, recollidos ou non) Chuvia feble, case brétema, zarzallada.
Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Chá).
Fonte.- Antonio Eimil.

traquido.- Trono moi forte.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

trouxo/trouso.- Neveiro, neve acumulada.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.