Palabras con memoria: variando
atramiñar.- Aguantar, aturar.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.
estaribel/estarivel (1).- (Ademais de significados xa rexistrados) Dificultade, problema, algo que supón unha molestia.
Exemplo.- “Non me veñas agora con ese estarivel, que abondo teño xa.”
Lugar de escoita.- Outeiro de Rei, Lugo e A Mariña.
Fonte.- Eva María Teijeiro Suárez.
Outros apuntamentos.- Indica a informante que foi escoitada na contorna do concello de Outeiro de Rei, en varias parroquias e en Lugo, a persoas nadas nesa área. Tamén a unha persoa da Mariña, que exerceu de mestra en distintas localizacións nesta provincia (non ten claro se é un termo da súa zona ou oíu nalgún dos destinos que tivo).
paruar.- Estar, haber.
Exemplo.- "Cantas cotas parúan na ciba?"
Lugar de escoita.- Bisbarra de Bergantiños.
Fonte.- Alberte Suras.
piola.- (Á marxe de significados coñecidos. En sentido figurado) Cadea, choupela, cárcere.
Exemplo.- "E logo Lence vai ir para a piola?"
Lugar de escoita.- Castro de Ribeiras de Lea (Terra Chá).
Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.
raite (ir dar un).- Ir dar unha volta.
Exemplo.- “Vou dar un raite polo monte.”
Lugar de escoita.- Escudeiros- Ramirás (Ourense).
Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.