Palabras con memoria: lingua estrondosa
altalaplana.- Volume moi alto, voz moi alta.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
axoular.- Verbo que expresa un estado de malestar a causa de excesos acústicos. Vén sendo como o popular “volver tola a cabeza”.
Lugar de escoita.- Vilalba (Terra Chá).
Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.
berrallouzas.- Persoa ou persoas que berran moito, especialmente as que berran contra as demais rifándolles ou en actitude pouco amigable.
Exemplo.- “Había alí un berrallouzas que non parou en toda a tarde; estabamos todos fartos del.”
Lugar de escoita.- Diversas zonas do territorio galego.
Fonte.- Henrique Harguindey.
esbuxatar.- Armar moito balbordo, ruído propio da confusión.
Exemplo.- “As galiñas esbuxátanse cando entra o milmañas no galiñeiro.”
Lugar de escoita.- Codesido (Concello de Vilalba).
Fonte.- Fuco Paz Souto (do seu pai José de Piñó).
gordo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Grave (voz ou son).
Lugar de escoita.- San Martiño, Sto Adrán de Cobres (Vilaboa do Morrazo), Toutón (Mondariz), Angudes (Crecente), Almofrei (Cotobade), Muras (Forcarei).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
Outros apuntamentos.- A fonte sinala que adoita pronunciarse con gheada.
pupar.- Soprar pola caracola mariña, chamada pupa, para facer un son peculiar.
Lugar de escoita.- Oia.
Fonte.- Alfonso Álvarez Cáccamo.
Outros apuntamentos.- Considera o informante que se trata claramente unha palabra onomatopeica: o son “pú-púuu” está xerado pola forma en que se colocan os beizos para soprar.