Palabras con memoria: moito ou pouco
chispa.- (Ademais de significados obvios) Ao lado dalgúns verbos negados significa nada ou pouca cousa.
Exemplo.- “Vamos de aquí, que esta música non che me gusta chispa.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira.
comarea.- Moito/a.
Exemplo.- “Había comarea de xente.” / “Quéroche comarea.” / “Matou peixe comarea.”
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
espeso/a.- (Ademais de obvios significados) Moito/a.
Exemplo.- “A min as sardiñas sábenme espeso” / “Na praia había xente espesa.”
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa, especialmente a zona de Viveiro.
Fonte.- Isidro Novo.
ite.- Igual, idéntico, (cos seus diminutivos itiño e itiña /igualiño, igualiña).
Lugar de escoita.- Aguiño.
Fonte.- Andrés Torres Queiruga.
Outros apuntamentos.- Apunta a fonte a clara derivación da palabra achegada do latín idem.
regañado/a.- (Ademais doutros significados coñecidos) Moito, en abundancia.
Exemplo.- “Vou comer algo, que teño fame regañada” / “Casou con esa vella, que ten cartos regañados.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira.
sacramento.- (Ademais de significados obvios) A carón dalgúns verbos, pouco ou nada.
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira.