Política Lingüística colabora nunha exposición en español sobre vodas e bautizos da familia real

Exposición Crónica da monarquía española no século;. Foto: Xornalcerto
 
A Mesa afirma que os únicos textos escritos en galego na exposición eran: “Non tocar”.

A Mesa pola normalización lingüística vén de amosar a súa sorpresa polo feito de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborase cunha exposición, en español, sobre as vodas, bautizos e comunións da familia real, mostra composta en parte por portadas de medios como Hola ou ABC e na que os únicos rextos en galego eran os que poñían "Non tocar".

A Mesa afirma que Valentín García, presidente da secretaría xeral, participou na clausura da exposición 'Crónica da monarquía española no século XX'. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, pregúntase “como é que o responsábel de fechar servizos de normalización municipais e de asfixiar economicamente os equipos de normalización dos centros de ensino dedica o seu tempo e o diñeiro de todas e todos nestas actividades que non teñen absolutamente nada a ver cos fins de Política Lingüística”.

Hola e ABC

 “A mesma Xunta que, entre outros servizos públicos necesarios, está a aniquilar as políticas de apoio ao noso idioma propio, non ten ningún rubor en usar o diñeiro do galego en promover exposicións coas portadas do ¡Hola! e do ABC sobre as vodas, bautizos e comuñóns da familia real española”, apunta o portavoz da Mesa. Callón, que centra as súas críticas no apoio institucional indebido para esta actividade, pregúntase “cal é o valor normalizador de dita exposición”. Así, “aínda que nela a presenza do galego se reduce aos avisos de ‘Non tocar’, centrou a axenda do secretario xeral de Política Lingüística”.

FOTO de Xornalcerto: Exposición 'Crónica da monarquía española no século XX'' na Pobra.