Pontón: "Feijóo é un delincuente reincidente"

Rolda de imprensa do BNG sobre lingua
A portavoz de Lingua do grupo parlamentar do BNG considera que o presidente da Xunta atenta contra a lingua e "reincide" malia as sentenzas contra o decreto do plurilingüísmo


"Feijóo practica unha política de asfixia económica a calquer medida de normalización do idioma". Ana Pontón, portavoz de Lingua do grupo parlamentar do BNG, criticou hoxe en rolda de imprensa a postura do presidente da Xunta en materia de política lingüística e salientou que o seu executivo "adica ao galego apenas un tercio do que lle dedicaba en 1993 o goberno Fraga".

A deputada chamou a participar na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego este domingo en Compostela após considerar que a política do actual goberno galego vai "contra o sentido común e incumpre a legalidade vixente xa que o denominado decreto do plurilingüismo acumula xa sete sentenzas en contra que tumban os seus alicerces".

Para a nacionalista "só con presión social podemos parar esta política" e animou a "todas as persoas que defenden o galego, que queren o galego e que ven a urxente necesidade de pararlle os pés ás políticas de ataque á nosa lingua que protagoniza o PP".

Na mesma comparecencia o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou que a estratexia lingüística do PP é "deliberada, porque queren acabar con calquer signo de identidade". Criticou a "reespañolización" dirixida polo goberno central e cargou contra os dirixentes do PP que "afirman querer o galego mentres adoptan todas as medidas á súa man para erradicalo".