O PP afirma que a Galiza "incrementou" o número de falantes de galego

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, coa nai, a irmá e o sobriño de Luísa Villalta (Foto: Nós Diario).

A popular Paula Prado aposta por un modelo lingüístico 'con sentidiño' no acto polas Letras Galegas que organizaron este sábado.

Un día despois da data oficial, o PP realizou este sábado un acto na Coruña polas Letras Galegas no que reivindicou un modelo lingüístico que entenden é o do "sentidiño" e a "liberdade" fronte a quen consideran que avoga polo "sectarismo e a imposición".

Así se expresou a secretaria xeral do PP, Paula Prado, nun evento no que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e os candidatos ás eleccións europeas Francisco Millán Mon e Pablo Gómez Cedrón, entre outros.

Prado mostrou na súa intervención o "orgullo" que sente polo idioma propio da Galiza, que ademais forma parte "do ADN" do PP, que "se construíu en galego e, tamén en galego, seguirá crecendo".

A popular apostou por un “modelo de bilingüismo cordial” que é “un exemplo de convivencia".

Homenaxe a Luísa Villalta

No acto lembrouse a figura de Luísa Villalta, a homenaxeada este ano coas Letras Galegas. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos a seguir "o exemplo" da poeta.

A xornada concluíu coa entrega dun ramo de flores por parte de Paula Prado e José López Campos á nai, a irmá e o sobriño da escritora coruñesa.