Quen facer tenta, necesita ferramenta
Azoso/a.- Cómodo/a, referido a calquera útil ou instrumento que serve axeitadamente para o seu cometido.
Exemplo: “Este raño non me é azoso; dáme esoutro do mango máis longo”. Tamén pode referirse a unha prenda ou similar: “Á voda levarei os zapatos negros, que me son máis azosos”. Por extensión úsase incluso para as persoas que son xeitosas para algún labor en concreto. Exemplo: “”Ai, foi Carmiña! É unha rapaza tan azosa!”
Lugar de escoita.- Lamas (San Sadurniño).
Fonte.- María X. Anca Casal.
Bombo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Utensilio xiratorio para asar castañas.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.
Corgo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Aparello para o baleirado de pozos polo sistema de sifón.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.
Esparar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Armar o aparello do palangre.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
Folgazán.- (Ademais de significados obvios) Fregona, utensilio semellante á vasoira empregado para fregar o chan.
Exemplo: “Colle o folgazán e seca esta auga que me caeu no chan”.
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.
Tarabela.- ( Á parte doutros ben coñecidos significados) Aeroxerador.
Lugar de escoita.- Moa- Vilatuxe, Serra do Candán (suroeste do concello de Lalín).
Fonte.- Daniel Blanco Moa.
Outros apuntamentos.- Exemplo de adaptación do vocabulario ás novas tecnoloxías. Por analoxía co aparello tradicional.
Trebella.- Ferramenta usada na agricultura.
Exemplo: “Vai coller a trebella, que imos á leira”.
Lugar de escoita.- Cerceda.
Fonte.- Xián Suárez Tincado./CPI O Cruce de Cerceda.
Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.
Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@