A RAG estuda unha petición para incluír ‘furancho’ no dicionario

Imaxe: defuranchos.com

Unha iniciativa particular procura que se recoñeza oficialmente o termo. 

Pode sorprender, sobre todo nas Rías Baixas, mais ‘furancho’ non figura no dicionario da Real Academia Galega, nin no escrito nin na versión de internet. O termo designa aquelas pequenas adegas particulares que venden o excedente de viño que o propietario elabora para o seu consumo, xunto cunhas tapas ou racións. Tamén se lles coñece como ‘loureiros’. Habelos, hainos, e non poucos, mais non no dicionario da RAG. Por iso, e como conta Faro de Vigo, unha iniciativa particular solicitou á Academia Galega que a palabra pase ser recoñecida oficialmente.

O rotativo vigués informa que a RAG está a valorar a solicitude. E explica que a incorporación de novas palabras ao dicionario pode partir de tres fontes: a proposta do propio persoal que elabora o dicionario, a partir dos propios académicos, ou ben a partir da propia sociedade. FdV tamén sinala que as tres últimas palabras incorporadas ao dicionario da RAG en internet son Exoplaneta (planeta que orbita arredor dunha estrela fóra do sistema solar), asterismo ( figura que forma un conxunto de estrelas que poden pertencer á mesma constelación ou a constelacións diferentes) e meteoroide ( corpo celeste, xeralmente un fragmento dun cometa ou asteroide, que orbita arredor do Sol). Incorporáronse a petición dun colectivo de astronomía.