A rapazada de Moeche demanda nun pleno extraordinario maior compromiso co galego
Os nenos e nenas do Consello Local da Infancia e a Adolescencia demandan nunha sesión extraordinaria con motivo do Día Internacional da Infancia. o apoio municipal para levar a cabo a campaña "O galego rebélase", no marco dos dereitos lingüísticos recoñecidos no artigo 30 da Convención dos Dereitos do Neno aprobada en 1989.
O Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche (CLIA), impulsado por este Concello e que dá voz a crianzas e mocidade na toma de decisións que lles afectan como colectivo celebrou o 20N - Día Internacional da Infancia - un pleno extraordinario ao que asistiron tanto os seus membros como a totalidade do alumnado do CEIP San Ramón.
Un pleno onde rapaces e rapazas pediron maior compromiso e defensa do galego. O CLIA anunciou a posta en marcha para o próximo mes de febreiro dunha campaña de promoción da lingua no marco do artigo 30 da Convención dos Dereitos da Infancia.
Entre elas estivo, por exemplo, a elección do deseño para o feche exterior do colexio, a escolla do modelo de xogos que se instalaron no patio ou incluso a decisión do nome da principal arteria do centro urbano, denominada agora Avenida 23 de Abril por acordo infantil. O Grupo de Participación Infantil -órgano executivo do CLIA- reúnese na Casa do Concello todos os últimos sábados de mes para traballar nas ideas e peticións que despois se lle presentan ao equipo de goberno.
"Non queremos que se perda"
Tomando como base este argumento, a vicepresidenta do CLIA, Leticia Caaveiro, debullou as medidas "para promover o galego e dar a coñecer a súa historia" englobadas todas baixo o lema "O galego rebélase". A frase tamén é o título dunha campaña para a que a rapazada pediu a implicación municipal. Máis en detalle, os nenos e nenas solicitaron dispor de máis libros en galego na biblioteca do Concello, promover representacións teatrais, xogos e actividades na nosa lingua.