En respecto ao galego, Canal + convértese en Canal -

 Servizo de Atención ao Cliente da empresa respondeulle a un cliente que lles contactou en galego que só atenden consultas escritas en español, e que “non son quen” de traducir o seu correo.

A Mesa pola Normalización Lingüística fixo pública esta sexta feira a queixa dunha usuaria de Canal + a quen o Servizo de Atención ao Cliente non atendeu polo feito de falar galego. Esta clienta, afirma a MNL, púxose en contacto con Canal +, a través do correo electrónico do seu Servizo de Atención ao Cliente, para informar dun problema co servizo que tiña contratado. Tras dous meses agardando, a muller afectada volveu insistir solicitando unha contestación, ante o que o Servizo de atención ao cliente de Canal + respondeu literalmente:

Sentimos informarle de que desde nuestro Centro de Servicio al Cliente sólo nos es posible atender las comunicaciones realizadas en español. No nos ha sido posible realizar la traducción de su escrito por lo que le rogamos que nos lo vuelva a enviar en español para poder atender su consulta.”

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, ironizou sobre o que considerou unha escusa ridícula: “Resulta curioso que unha empresa como Canal +, que presume na súa publicidade de estar na vangarda tecnolóxica, non só non teña persoal capacitado para atender correctamente a súa clientela galega, senón que nin sequera saiba utilizar unha ferramenta tan sinxela como Google Translator para traducir un correo electrónico dunhas poucas liñas”. “Non é críbel que aínda non se enteraran da cantidade de tradutores automáticos de calidade que en liña e mesmo de maneira gratuita traducen sen problema un correo electrónico do galego para o español”, sinalou o presidente da Mesa, mais insistiu en que “o normal e desexábel é que as empresas contraten para os seus Servizo de Atención xente capacitada para entender oralmente e por escrito aos clientes na lingua que falan, e poder ofrecer así unha atención de calidade”,  “hai moitas galegas e galegos que poderían realizar eficazmente ese traballo”.