Rueda pide consenso para facer "rexurdir" o galego: "Queda moito por facer"

Intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no acto institucional con motivo do Día das Letras Galegas. (Foto: David Cabezón / Xunta)
"Aínda quedan etapas por diante, quedan por superar moitos desafíos, sabemos que a fórmula idónea é o respecto ás diferentes sensibilidades", di o presidente da Xunta.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, instou a "non romper o consenso na defensa do galego" e a "unirse para facelo rexurdir", no acto institucional de conmemoración do Día das Letras Galegas decorrido esta sexta feira na Coruña, onde naceu a autora homenaxeada, Luísa Villalta.

"Rompelo sería tanto como imitar modelos que mostraron a súa ineficacia, a forza da nosa lingua reside no noso pobo", sentenciou, despois de que no Parlamento galego o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, propuxese un pacto polo idioma galego.

Rueda apelou a un traballo "entre todos e contra ninguén" para incentivar o uso do idioma, "evitando métodos alleos á nosa sensibilidade" e con "harmonía" entre o galego e o castelán. Ante as autoridades presentes, entre elas o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e familiares da homenaxeada, dixo que a lingua galega é "como un fogar que non pertence a ninguén, que é de todos e todas".

Tarefas pendentes

Tamén reivindicou "o necesario impulso a unha lingua que nos une". "Non é patrimonio de ninguén, é patrimonio de todos", insistiu na súa intervención, na que admitiu que "queda moito por facer" para incentivar o uso do idioma.

A iso atribuíu a creación, neste novo mandato, da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude e remarcou que, entre as súas tarefas, está "seguir dando futuro á nosa lingua e reivindicando o camiño emprendido para engradecer o noso idioma".

"Aínda quedan etapas por diante, quedan por superar moitos desafíos, sabemos que a fórmula idónea é o respecto ás diferentes sensibilidades", recalcou, para logo instar a facelo "por riba das cores políticas".

"Facelo entre todos e contra ninguén, sabendo cal é a realidade lingüística da nosa terra e fomentar o noso idioma", aseverou Rueda, quen insistiu en que galego e castelán "non teñen que ser inimigos". "As linguas non poden estar afastadas por muros", expuxo.