Palabras con memoria: 'Sachamos?'
arruñar.- (Ademais doutros significados) Xuntar herba seca ou outro produto do campo.
Lugar de escoita.- Vilapedre (Terra Chá).
Fonte.- Antonio Eimil.
axinxilar.- Axirar, peneirar o gran de trigo trala malla para libralo de impurezas.
Lugar de escoita.- Montoxo (Cedeira).
Fonte.- Miguel Blanco López.
cacho.- (Ademais de múltiples significados xa rexistrados) Anaco de pedra plana polas dúas caras.
Lugar de escoita.- Gondomar.
Fonte.- Miguel Anxo Mouriño.
encruar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Arar a terra.
Exemplo.- “Onte á tardiña dedicámonos a encruar.”
Lugar de escoita.- A Coruña.
Fonte.- Martín Villamarín Bello.
ganzúa.- (Ademais doutros significados) Raño grande con cesta.
Lugar de escoita.- Ortigueira.
Fonte.- Vanessa Hermida Carballeira.
Outros apuntamentos.- Centro de Día de Abadín.
pantierno.- Espantallo, martabela.
Lugar de escoita.- A Chiela (Lourenzá).
Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.
pericada.- Chiolada, carga pequena do carro.
Lugar de escoita.- O Páramo (Lugo).
Fonte.- Suzana do Páramo.