As claves da reprimenda do Consello de Europa a Xunta e Goberno estatal polo incumprimento dos dereitos lingüísticos

Infografías sobre o grao de cumprimento dos dereitos lingüísticos en Galiza. Á esquerda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Á dereita, o secretario xeral da Lingua, Valentín García. (Imaxes: Nós Diario / Monica Arcay Carro / A Mesa)
Os compromisos adquiridos coa ratificación da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas con respecto ao idioma galego non están a ser "cumpridos", segundo ratificou esta terza feira un informe do Consello de Europa que avalía a implementación deste tratado. Desta maneira, a Xunta e o Goberno estatal non aseguran os dereitos da cidadanía no emprego do galego.

O Comité de Expertos encargado de avaliar a implantación da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, dependente do Consello de Europa, fixo esta terza feira público o último informe de supervisión do Estado español, un documento que considera "incumpridos" os compromisos adquiridos coa ratificación do tratado por parte das Administracións estatal e autonómica a respecto do idioma galego.

O documento alerta das "limitacións" da lingua galega na ensinanza

Así, a pesar de que "o uso do galego é xeralmente facilitado e promovido na vida pública e privada", a institución advirte de diversos incumprimentos en distintas facetas responsabilidade das Administracións públicas. No apartado de educación, por exemplo, o Comité lembra que "a Inspección de Educación ten a obriga de controlar a aplicación da lexislación a respecto do uso da lingua galega", mais "os seus informes periódicos non están a ser publicados".

En materia de xustiza, explica, "a lexislación existente non garante que os tribunais poidan ditar acta —criminal, civil ou a respecto de asuntos administrativos— en galego a petición dunha das partes". Por outra parte, "mentres é formalmente posíbel utilizar o galego para unha persoa acusada nun caso criminal, ou para un litigante nun caso civil ou administrativo", as persoas expertas corroboran a "ausencia de implementación de tales dereitos na práctica". Ademais, acrecentan, "mentres a lexislación galega é sempre publicada nas dúas linguas oficiais, o Boletín Oficial do Estado deixou de ser publicado en galego en 2021".

En materia institucional, a entidade advirte aos corpos administrativos estatais e as súas delegacións locais de que "continúan sen aceptar o procesamento de documentos, formularios e queixas en galego".

Ademais, "o Consorcio Audiovisual do Galego, o cal foi considerado como o corpo principal a cargo de garantir a liberdade e pluralismo dos medios de comunicación, non existe na actualidade e non foi substituído", engade tamén o informe.

No relativo aos servizos sociais, salienta o Comité, "o uso de galego só é formalmente utilizado na publicidade e na documentación". Porén, afirma, "o persoal sanitario non é adestrado para realizar os coidados en galego".

Así mesmo, sinala que a Administración debe informar dos dereitos das persoas consumidoras en galego, "o que actualmente non pasa". "Ningunha información foi dotada sobre a dispoñibilidade dos dereitos dos consumidores en galego", concreta.

Por último, en materia transfronteiriza, o Comité "non está en posición de concluír se houbo acordos bilaterais e multilaterais que concluísen, ou non, contactos de acollida entre as persoas galegofalantes nos Estados aos que incumbe".

Recomendacións

A partir destes incumprimentos, o Comité de Expertos realiza catro recomendacións de accións inmediatas: eliminar as limitacións que evitan o uso do galego como medio de ensino en materias educativas de ciencia; tomar medidas para asegurar o uso do galego nos servizos sociais e na sanidade; asegurar a través das medidas apropiadas que as falantes de galego poidan interactuar neste idioma coas delegacións locais da Administración estatal, e asegurar que a lexislación garanta que os tribunais poidan resolver os procesos criminais, civís e administrativos en galego a petición dunha das partes, así como tomar accións para asegurar que isto se cumpra na práctica.

A maiores, a entidade dependente do Consello de Europa demanda que se asegure que a educación en galego está dispoñíbel en todos os niveis aos que obriga a ratificación da Carta; tomar medidas para asegurar unha presenza proporcionada da lingua propia do país no nivel preescolar nos centros urbanos importantes; desenvolver materiais de ensino en galego para a educación técnica e vocacional, incluíndo para a aprendizaxe a distancia; desenvolver un software que permita utilizar formularios, modelos ou documentos en galego eficaces para o proceso xudicial, habilitando análises xudiciais avanzadas e dotando a cidadanía de canles de comunicación coa Administración de xustiza en galego; pór a disposición os textos e formularios administrativos amplamente utilizados en galego; reinstaurar unha versión galega do BOE, e proporcionar información sobre a dispoñibilidade de dereitos das persoas consumidoras en galego.

Unha vez explicados os incumprimentos e as recomendacións, o Comité recomenda que as administracións públicas do Estado "cumpran todas as tarefas que implica a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas que non se estimaron cumpridas" e que "continúen a cumprir as que xa están actualmente implementadas". 

Neste cometido, explica no informe a entidade dependente do Consello de Europa, as administracións "deberían ter en conta particularmente as recomendacións realizadas no procedemento de vixilancia da Carta co obxectivo de avaliar as autoridades gobernamentais no proceso de implementación".

A Mesa afirma que a Xunta "debe deixar de atacar o galego"

A Mesa alerta da "deterioración" da liberdade de expresión dos galegofalantes

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en declaracións a Nós Diario, afirma que a Xunta da Galiza "ten que cumprir e deixar de ser insubmisa non só ao que di o Consello de Europa, senón tamén á súa propia lexislación". Ao respecto, lembra que "é a terceira vez" que é advertida polo organismo sobre os incumprimentos en materia lingüística. Alén diso, di, "chama a atención que o informe sinale que se está deteriorando a liberdade de expresión en Galiza para as persoas que falan galego". "A Xunta debe deixar de ser a primeira institución en atacar o galego, e unha situación que nos avergoña", sinala o presidente da Mesa.

"Non existe un conflito lingüístico", di García

O Goberno galego admite que o informe indica que existe marxe de mellora

Pola súa parte, o secretario xeral da Lingua do Goberno galego, Valentín García, en declaracións a Nós Diario, opina que "aínda que [o informe] sinala aspectos que se deben mellorar nalgúns ámbitos concretos,  o balance global podemos concluír que é moi positivo". De feito, engade, o Comité de Expertos "reflicte unha mellora na situación social do galego con respecto ao anterior estudo, elaborado en 2019". "Isto constata que na Galiza non existe un conflito lingüístico e que contamos cun modelo de bilingüismo cordial que funciona", afirma García.