Sumar, "escéptico" co pacto polo galego proposto pola Xunta, chama a oficializalo na UE

Delegación de Sumar Galicia na manifestación de Queremos Galego, con, entre outros, Paulo Carlos López, Marta Lois, Juan Díaz Villoslada, Verónica Martínez Barbero e Manuel Lago. (Foto: Sumar)
"Todos os días teñen que ser importantes para o galego", afirma Díaz Villoslada.

O candidato de Sumar ás eleccións europeas Juan Díaz Villoslada mostrouse esta sexta feira "escéptico" co pacto a favor do galego proposto esta semana no Parlamento polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, dada "a traxectoria" do PP coas políticas lingüísticas. Dito isto, o político coruñés instou os populares a apoiaren o recoñecemento do galego, xunto co catalán e o euskera, como un dos idiomas oficiais das institucións comunitarias.

Díaz Villoslada, que figura no número 10 da lista de Sumar para as eleccións europeas do 9 de xuño, participou neste Día das Letras Galegas na manifestación convocada por Queremos Galego en Santiago. Tamén estiveron o portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, e as deputadas por Pontevedra e A Coruña, Verónica Martínez Barberro e Manuel Lago.

O candidato ás europeas reivindicou neste 17 de maio que "todos os días teñen que ser importantes para o galego" e, para ese efecto, destacou que o Goberno de España, de PSOE e Sumar, rexistrase a finais do 2023 a solicitude ante Bruxelas para recoñecer o uso dos idiomas cooficiais nas institucións comunitarias.

"Reivindicamos seguir traballando para conseguir esa situación de máximo recoñecemento institucional do galego en Bruxelas, en Estrasburgo, en Frankfurt, en todas as capitais europeas", explicou.

Díaz Villoslada, a pesar de ser "escéptico" co pacto polo idioma que propuxo o conselleiro, dixo confiar en que todas as forzas políticas, "e Sumar vai estar aí", poidan chegar a un consenso.

O candidato do partido de Yolanda Díaz non se esqueceu de reivindicar a figura de Luísa Villalta, a autora e profesora de instituto homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas; e tampouco de lembrar que o 17 de maio se celebra tamén o Día Internacional contra a LGTBIfobia.