Terceira edición do "Malas Linguas" de maneira exclusivamente en liña
O principal obxectivo de "Malas Linguas" é renovar o argumentario para as políticas públicas de normalización lingüística, con base en tres eixos: manter espazos de reflexión, dar ideas prácticas e fomentar o traballo en rede, mediante a realización de actividades abertas e gratuítas.
No xornada do 10 de novembro o encontro acollerá a mesa “Boas prácticas para as linguas minorizadas do Estado” composta por Paula Kasares, Isaac Lourido e Xián Naia, mentres que o día 12 será a quenda de “Revitalización lingüística en linguas ameazadas”, da man de Mónica Barrieras e Itziar Idiázabal. Ao remate desta segunda xornada desenvolverase un debate aberto.
A responsábel da área de Normalización Lingüística da Coruña e promotora do "Malas Linguas", María Muíño, quixo destacar na presentación do programa a importancia deste espazo de reflexión e debate para “atender e analizar a situación lingüística do país e os dereitos das falantes en galego" para así poder "intervir de modo eficaz na conservación da riqueza que supón o idioma propio”.
Por outra banda, Andrea Rico, coordinadora do proxecto, quixo destacar a capacidade de “adaptar esta proposta, que xa decorreu en 2018 e en 2019, á actual situación sanitaria, para que os proxectos culturais e sociais non fiquen paralizados”. Así mesmo, tamén puxo o foco nas persoas relatoras: “Estamos moi orgullosas de contar con algunhas das investigadoras máis recoñecidas traballando hoxe en sociolingüística a nivel estatal”, destacou Andrea Rico.