"Me tienes que hablar en castellano si quieres que te responda": Reclaman 50.000 euros ao INSS por negarlles atención en galego

Dirección Provincial do INSS en Lugo. (Foto: Nós Diario)

Os dous letrados de Lugo ampáranse na recente Lei Integral de Igualdade de Tratamento e non Discriminación.

Dous avogados galegos reclaman ao Instituto Nacional de Servizos Sociais (INSS) a cantidade de 50.000 euros por lles negar a atención en lingua galega.

Segundo relatan os letrados, os feitos denunciados aconteceron durante unha chamada habitual á Dirección Provincial do INSS en Lugo sobre unha consulta dun expediente. Tras un par de minutos de conversa, a traballadora do INSS corta á usuaria, a avogada Cristina Fernández Lago, do despacho Miguei Vieito-Avogado, mentres estaba falando para reprendela: “Si puede ser en castellano, mejor”, cun ton “ameazante” e negándose a continuar coa consulta se esta non se fai en español.

Lonxe de se tratar dun feito illado, o avogado Miguel Vieito repite a chamada á mesma Dirección Provincial do INSS, tamén en lingua galega. Segundo afirman os letrados, a resposta nesta ocasión é “aínda máis extrema”: “Me tienes que hablar en castellano si quieres que te responda. Aquí somos todos castellanoparlantes”.

En chamadas previas á mesma delegación a experiencia foi “totalmente oposta”. Os avogados non se explican “tal nivel de hostilidade, represalias e agresividade” só por falar na súa lingua.

“As Administracións públicas con sede no país teñen obriga de dispensar un tratamento na lingua escollida polos administrados; neste caso, o galego”, afirman os avogados, que acoden, para reclamar, ao camiño aberto pola recente Lei Integral de Igualdade de Tratamento e non Discriminación, que protexe a veciñanza tamén contra a discriminación por razón de lingua.

“A actitude e o desprezo co que fomos tratados foi totalmente inaceptábel. Por desgraza, non se trata dun feito illado, senón do día a día das persoas galegofalantes”, engaden.

Este sería a primeira vez que se utiliza esta lei para evitar situacións como a que describen estes letrados de Lugo. As multas pola realización de condutas discriminatorias graves poden chegar incluso aos 50.000 euros, como piden os avogados involucrados neste caso, Miguel Vieito e Cristina Fernández, que confirman que a reclamación contra o organismo xa foi rexistrada e está pendente de estudo.