Correr (e pagar con gusto) 1.508 kilómetros para defender o bretón

A carreira Ar Redadeg recadou 165.000 euros para investir en diferentes proxectos a prol do idioma de Breizh, desde as escolas Diwan até iniciativas culturais, empresariais ou de lecer.

Cada dous anos unha carreira percorre unha zona concreta de Breizh (Bretaña) para recadar fondos a prol do bretón. É Ar Redadeg, unha iniciativa que neste 2014 vén de finalizar e con balance positivo, segundo as persoas e entidades organizadoras. Recadáronse ‘en limpo’ 165.000 euros, recolle Nationalia. 62.500 euros destinaranse ás escolas de inmersión en bretón (Diwan), outro tanto a financiamento de proxectos (teatro, cursos de ensino de bretón para adultos, actividades lúdicas...). E 40.000 euros resérvanse para a preparación da carreira de 2016, estando xa aberto o prazo para que se presenten candidaturas para aspirar a ser vila/cidade de inicio e vila/cidade de final de traxecto.

Ar Redadeg finánciase diante a “compra” por parte de particulares, entidades, empresas e administracións, dos kilómetros do traxecto da carreira. Nesta edición foron 1.508 os que se ‘venderon’. Obtendo 165.000 euros. O co-presidente de Ar Redadeg, Mael Thepaut, destacou que se vendesen todos os kilómetros e que houbese unha “mellor participación” que en edicións anteriores.

Falala, vivila, sentila, transmitila, usala

O bretón, lingua céltica, é falado por máis de 200.000 persoas, mais comprendido por volta de 325.000. A maior parte d@s falantes están no oeste e o suroeste de Bretaña e conforman o 13% da pobación, segundo Kristen le Gars, experta neste idioma. O 70% d@s falantes ten máis de 60 anos . Mais cómpre mencionar que, afirma, houbo un lixeiro aumento de falantes, concretamente, no oeste de Bretaña, entre a mocidade de entre 15-19 años.