VÍDEO NO INTERIOR

Creadoras de contido amosan apoio á mobilización de Queremos Galego en defensa do idioma

A creadora Prado Rúa participa neste vídeo reivindicativo (Foto: Nós Diario).
A manifestación será o 17 de maio en Compostela.

Creadores e creadoras de contidos da Galiza que suman máis de dous millóns de seguidores e seguidoras nas súas redes sociais, publicaron un vídeo conxunto a través do que animan á cidadanía galega a participar na mobilización organizada pola plataforma cidadá Queremos Galego en defensa do idioma galego esta sexta feira, día 17 de maio, en Compostela.

A mobilización convocada pola plataforma, da que forman parte unhas 600 entidades, terán lugar con motivo do Día dás Letras Galegas e como lema "un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva".

No vídeo difundido esta terza feira, a creadora Blondimuser asegura que queren "vivir en galego con normalidade", mentres que Gabi García sinala que no ano 2024 "será hora" de que poidan facelo. Ademais, pola súa parte, Paula Jorge lembra que xusto este ano fanse 20 anos da aprobación do Plan Xeral da Lingua Galega, que recollía máis de 400 accións e medidas concretas, das que non se desenvolveu nin unha soa, segundo sinala a continuación Prado Rúa.

"Estamos no mellor momento da creación en galego", sinala neste vídeo conxunto Laura Franco, ao que Rodri Míguez engade que tamén é o "mellor momento musical e de creación de contido da historia".

Entre outros autores e autoras, Alexia Mariño pide un "galego vivo na Administración, nos servizos públicos e na Xustiza", mentres que Recuncho Médico reivindica "un galego vivo na Sanidade e nas relacións comerciais". Ademais, Olaxonmario afirma estar "farto" de que non o atendan en galego.

O vídeo no que interveñen outros artistas como Leti da Taberna, Cessarrg, Helena Cousas rarísmas e Todomalva, está fechado por Sara Seco Rial e Yeison, que aseguran que "sobran os motivos" para manifestarse o 17 de maio ás 12 horas. 

O manifesto da marcha sostén que "é hora de que os Gobernos asuman a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a empezar pola Xunta da Galiza, e acompañen á sociedade que actúa a prol da lingua galega.