Volve o Galegote Rock a Pontevedra

[Imaxe Concello de Pontevedra]

A Concellaría de Normalización lingüística organiza a quinta edición deste festival musical que terá lugar os días 12, 13 e 14 de maio.

Esta segunda feira (25 de abril) foi presentado o cartaz e programación da quinta edición do Galegote Rock organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e o Pontevedra ao Vivo. 

Alberto Oubiña, responsábel desta área, acompañado de Marcos Rivas e os artistas Roger de Flor e Querido Extraño, sinalaron que se trata dunha actividade coa que visan dar a coñecer intérpretes e grupos de música de distintos estilos através da música en directo ao tempo que promover a variedade musical que se está a producir na Galiza e en galego. 

Nesta edición o festival introduce diversas novidades a respeito doutros anos como sesións infantís que decorrerán na Praza a Pedreira e que contarán con xogos e espectáculos dirixidos a toda a familia mais principalmente ás crianzas. Aliás, o Galegote tecerá pontes co programa Sétima Feira através da actuación de Davide Salvado o sábado 14 de maio na Praza de Abastos da cidade do Lérez. 

Porén, son moitos os grupos e artistas do panorama galego que compoñen o cartaz e cuxas actuacións serán de balde. Sokram, Poetarras, Familia Caamagno ou Camarada Nimoy son algúns dos nomes que se poderán escoitar. 

 

 

 


Xoves 12

No Pequeno Karma, ás 21.30 horas: Querido Extraño e Roger de Flor;

Venres 13

Na Sala Karma, ás 22 horas: Santos Morcegos e Camarada Nimoy

Sábado 14

­ ás 11 h, na Sétima Feira (Praza de Abastos): O Xabarín de Bora

­ ás 12 h, na praza da Peregrina: Tanto nos Ten

­ Sesión infantil a partir das 12 h, na praza da Pedreira: xogos

­ ás 12.30 h, na terraza da sidraría Montañés: O Cadelo Lunático

­ ás 13 h, na Sétima Feira (praza de abastos): Davide Salvado

­ Sesión infantil, ás 13 h, na praza da Pedreira: Canta Contos, de Expresión Contacontos

­ ás 14 h, diante do Savoy, Alley Stompers e o baile de Lindy Hop

­ ás 15 h, nos xardíns do Parador: Tatan Chapeu

­ ás 16 h, no Grifón: Mike Grelo e Curmán

­ Sesión infantil, xogos a partir das 16 h, na praza da Pedreira

­ ás 17 h, no Diaño: Poetarras

­ ás 18 h, no Pequeno Karma: Sokram

­ Sesión infantil, ás 18.30 h, na praza da Pedreira : Xoana sen Medo, de Falabaratas

­ ás 19 h, nas escaleiras do Teatro Principal: Champurrada

­ ás 20 h, no cruceiro das Cinco Rúas: Familia Caamagno