Un xulgado admite a trámite unha demanda contra a UNED por suspender un exame feito en galego por Bieito Lobeira

Bieito Lobeira, nunha imaxe de arquivo, na sede nacional do BNG. (Foto: Arxina)

O profesor que revisou o exame do ex dirixente do BNG, que estuda Antropoloxía, non o cualificou por non estar escrito en español.

O Xulgado Central do Contencioso-Administrativo, con sede en Madrid, admitiu a trámite unha demanda da Mesa pola Normalización Lingüística contra a Universidade Nacional a Distancia (UNED), despois de que un profesor suspendese un exame ao ex dirixente do BNG Bieito Lobeira por facelo en galego.

En concreto, Lobeira estuda Antropoloxía na UNED e ten como centro asociado o de Pontevedra, onde acudiu a examinarse o pasado mes de xaneiro. Con todo, as probas escanéanse e envíanse a Madrid, onde o profesor que viu o seu exame non llo cualificou, polo que acabou suspendendo.

Tal e como relata A Mesa pola Normalización Lingüística e consta no decreto de admisión a trámite, o alumno recorreu polas vías internas da universidade até que o Reitorado desestimou en maio a revisión da súa nota. Así, a entidade lingüística acudiu á xustiza para que se recoñeza o dereito deste estudante a que se puntúe o seu exame e "se lle recoñeza o seu dereito" para realizalo "na lingua cooficial do territorio onde se examine".

A demanda acaba de ser admitida a trámite por un decreto emitido a segunda feira, día 2 de setembro, por un letrado do Xulgado Central do Contencioso-Administrativo número 4.

A Mesa pola Normalización lembra que o artigo 5 dos estatutos da UNED, aprobados nun real decreto do ano 2011, recoñece como unha das súas "misións fundamentais" o "apoio ás linguas e culturas" do Estado español.

Os propios estatutos engaden que a universidade "colaborará coas administracións autonómicas e demais administracións territoriais para a difusión da lingua, a cultura e o mellor servizo aos seus cidadáns en educación superior".

Ademais, o texto compromete a UNED para "potenciar" e a incorporar "progresivamente" a docencia, os contidos e as titorías en idiomas cooficiais. Con todo, a propia institución defende que "o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente ao castelán" e que, en consecuencia, "non ten obrigación de corrixilo".

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembra que a UNED é "unha universidade pública", do Estado, polo que "como tal debe dar exemplo" e respectar a oficialidade do galego. "Ningunha persoa que se examine na Galiza ten que ser obrigada ou coaccionada a facer un exame en castelán", subliña.