Youtubeiras abre as portas ás creadoras de contidos en galego en 'TikTok' e entregará os Premios Youtubeiras+

Presentación da oitava edición dos Premios Youtubeiras+. (Foto: Nós Diario)
Abre o prazo para se presentar á oitava edición destes galardóns que buscan promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na rede.

Youtubeiras, o proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, vén de abrir o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema 'Fachenda ao cadrado'.

Nesta edición, os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikTok. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen.

"Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+", explicou Cristina López, vicerreitora de igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, nunha rolda de prensa que tivo lugar esta terza feira, acompañada por representantes de Ames, Teo e Oleiros.

Na súa intervención, López subliñou a importancia da implicación neste proxecto de diferentes institucións e a participación das tres universidades, ademais de salientar que as redes sociais son hoxe por hoxe un "ecosistema fundamental" para o espallamento, a medra e a proxección das linguas.

Novidades, requisitos e prazos

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, abriu a súa intervención para darlles a benvida aos concellos que este ano se incorporan a Youtubeiras+. "Amosamos o noso agradecemento a Ferrol, Oleiros e Narón por decidirse a dar o paso e formar parte deste proxecto", destacou antes de incidir en que, como iniciativa viva, "Youtubeiras+ evoluciona e cambia constantemente".

O prazo de inscrición para esta edición xa está aberto e remata o vindeiro 15 de novembro ás 23.59 horas. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal.

As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.

7.500 euros en premios

Os Premios Youtubeiras+, tal e como sinalou a alcaldesa de Teo, repartirán nesta nova edición 7.500 euros, que se distribuirán entre sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1.250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1.000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal.

Até o 15 de novembro poderán achegarse as propostas máis destacadas mais ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.

O xurado e formación

Blas García, alcalde de Ames, tras recalcar "a importancia capital" do "esforzo colectivo e a colaboración entre institucións" en iniciativas a prol do idioma, desvelou os nomes das persoas que integran o xurado. "Desde a organización, sempre recoñecemos e agradecemos o gran traballo que realizan os membros do xurado. Cada ano élles máis complicado debido ao constante incremento que percibimos na calidade técnica, na calidade lingüística e no interese das propostas temáticas e na súa variedade", admitiu García.

Na oitava edición dos Premios Youtubeiras+ o xurado estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.

Á rolda asistiron tamén a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz; o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons Formoso; a concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo, e persoal técnico de normalización lingüística das diferentes entidades organizadoras, entre elas, Marta Besada, do Concello de Santiago.