80 anos do estatuto do 36, 85 anos da I República galega
O 27 de xuño de 1931 Galiza converteuse, por unhas horas, en República de seu. O 28 de xuño de 1936 a maioría do pobo galego votou por un estatuto que se vía como “primeiro paso para a liberación do xugo centralista” (El Compostelano, 1932).
Dúas datas fulcrais na historia recente de Galiza, o 27 e o 28 de xuño. Tan perto unha da outra no calendario que corren o risco de se pisar unha a outra. Mais ben merecen cada unha a súa propia memoria e lembranza. O 27 de xuño de 1931 Galiza declarábase república de seu. Un feito aínda descoñecido para a gran maioría da sociedade embora a súa importancia histórica. O 28 de xuño de 1936, o pobo galego aprobaba por inmensa e categórica maioría o estatuto de autonomía. Un documento, que como recollían os xornais e diarios da época, era visto como “primeiro paso para a liberación do xugo centralista” (El Compostelano).
Aquel estatuto
Un 28 de xuño de 1936 case un millón de galegos e galegas votaba a prol dun Estatuto para Galiza nun referendo que contou cunha alta participación, do 74,56% do censo electoral, e un abrumador apoio do 99%. Mais nunca se chegou a aprobar. Poucos días despois estalaba o golpe militar e truncaba a súa entrada a trámite nas Cortes Españolas. Non foi aprobado até a reunión de Cortes da República celebrada en México en 1945, que recoñecen que "Galicia deixou expresada a súa vontade de Autonomía no texto do Estatuto plebisticado e aprobado polo pobo galego". Un recoñecemento sen efecto práctico algún mais alá da homologación de Galiza con Euskadi e Catalunya.
Fanse esta terza feira 80 anos daquela data que marcou un fito histórico en Galiza. Por primeira vez se recollía a oficialidade da lingua galega e o seu carácter de nacionalidade. Durante un lustro, o texto foi collendo forma até agromar un amplo consenso, seguido dunha intensa campaña polo si promovida pola intelectualidade nacionalista e de esquerdas da época, liderada polo Partido Galeguista.
A I República Galega
Galiza foi declarada república pouco despois da saída de Alfonso XII de Madrid. Era o 27 de xuño de 1931. O pobo, golpeado pola crise económica, o desemprego e farto dos incumprimentos do Estado español, mobilizábase, e é nese marco no que se proclamou a I República da Galiza. Primeiro en Ourense onde "unha multitude presa da indignación" camiñou até a Casa do Concello para erguer "a bandeira azul e branca" e proclamar a primeira Republica galega. Asi o narraba a imprensa da época. As principais cabeceiras facíanse eco dun acontecemento insólito até o momento. Manifestacións populares, encabezadas por obreiros desempregados, enchían as rúas ourensás, mais tamén da capital da Galiza e clamaban --inmersos nunha greve xeral froito da parálise na construción do ferrocarril entre A Coruña e Zamora-- por un Estado de seu.
Acababa de caer a ditadura de Primo de Rivera e as forzas estatais facían carreira a prol da II República española --cuxas primeiras eleccións a Cortes se producirían un día despois (28 de xuño). Pola contra, persoeiros como Alonso Ríos e Pedro Campos traballaban a prol da constitución dun Estatuto para a República da Galiza ao consideraren que ningunha solución aos problemas do país viría da man do mantemento da nación no Estado español, sexa cal for a forma desa pertenza. O 27 de xuño de 1931 unha maré toma o Pazo de Raxoi --sede do Concello compostelán-- e obriga a demitir en bloco a Xunta de Goberno. Entre o fervor dos operari@s e lebregos que se agolpaban ás portas da Casa consistorial, Alonso Ríos era proclamado "presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega" mais "entón, este dixo que era do pobo", como recolleu naquela altura o diario El Pueblo Gallego.
Poucas horas durou esa primeira república. A escasa implicación cidadá noutras capitais e vilas do pais rematou por provocar a caída da Xunta revolucionaria e con ela a efémera independencia da Galiza.