A herdanza das vítimas da represión protagoniza o Día da Memoria en San Simón

Son as novas xeracións que gardan a memoria familiar da represión. Persoas que ouviron na casa historias terríbeis que lembraban o avó fusilado ou a nai nun campo de concentración. Fillos ou netas de persoas represaliadas protagonizan o Día da Memoria que organiza a Iniciativa Galega pola Memoria o próximo día 15 na Illa de San Simón.

O día 15 de xulio conmemorarase por sétimo ano consecutivo o Día da Memoria na Illa de San Simón, neste caso, como ven acontecendo nas últimas tres edicións, organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria. Na illa que acolleu o campo de concentración terá lugar o anual acto de homenaxe e reivindicación das vítimas da represión que neste caso contará como protagonistas aos herdeiros e herdeiras daquelas persoas que padeceron a represión despois do golpe militar de 1936.

A presentación do proxecto audiovisual "A pegada dos avós" porá comezo no auditorio da illa a unha xornada na que se repetirá a ofrenda floral que cada ano se desenvolve na pequena illa de San Antón, no muro do cemiterio onde se instalou no 2006, Ano da Memoria, unha lousa en homenaxe ás persoas que deron a súa vida pola liberdade, os dereitos e a dignidade do país. Será nese momento cando interveñan as persoas herdeiras, entre elas Pablo Iglesias Núñez, fillo de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e logo deportada no campo de concentración de Ravensbruck. Canda el intervirán Ana Aller, neta do fusilado Enrique Gómez, e Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda. Os tres participan activamente en iniciativas e asociacións de recuperación da memoria histórica.

A actividade está organizada conxuntamente polas asociacións que traballan no ámbito comarcal na recuperación da memoria. A Iniciativa Galega pola Memoria agrupa máis de corenta entidades que teñen no seu obxectivo botar luz sobre a nosa historia e homenaxear ás vítimas da represión. “Conseguimos que ese espazo non se perdera para a memoria. As asociacións traballan conxuntamente para que ese día quede marcado no calendario como o Día da Memoria, no que cada ano acudimos a San Simón a reivindicar a memoria e ás persoas que deron a súa vida pola democracia e a liberdade” sinalan desde a Iniciativa. Ao acto asistirán tamén os dous sobreviventes que estiveron presos en San Simón, Heriberto Rodríguez e Ildefonso Puente.

A organización corre a cargo da Iniciativa Galega pola Memoria que leva artellando en solitario este acto desde o ano 2010. A conmemoración arredor do 18 de xullo comezou no 2006, declarado Ano da Memoria, cando a Consellaría de Cultura e Deporte en colaboración coas distintas asociacións que desenvolvían actividades de recuperación da memoria histórica, comezou a promover actos no que daquela se institucionalizou como “Illa da Memoria”. Desde o 2006, cada ano, en xullo, centos de persoas desprazábanse á illa para renderlle unha homenaxe ás persoas que sofriron á represión. Na última das edicións organizada pola Consellaría de Cultura, lembrouse de xeito especial o exilio galego e, alén do acto solemne na illa, tivo lugar un encontro con mulleres e fillas daquel éxodo político que comezou en 1936, entre elas Mariví Villaverde ou Joaquina Dorado.

“A pegada doa Avós”

No Día da Memoria farase a presentación pública do proxecto documental “A pegada dos avós” na que un grupo de adolescentes buscarán as testemuñas directas que os axuden a comprender o que aconteceu no 1936. A proposta céntrase, polo de agora, na historia de Gabriel, fillo da fusilada Amada García, e de Mariquiña Villaverde, filla do anarquista tamén asasinado José Villaverde. A iniciativa está a recadar apoios económicos a través dunha plataforma cooperativa para o desenvolvemento de proxectos.