Contracultura

"Ao ler que o último alcalde designado por Franco morrera fomos a Beade con equipo de gravación"

Andrew Finkelman e Lola Saurigo. (Foto: Javi Quiroga - O Novo Normal)

Andrew Finkelman (Portland, Estados Unidos, 1999) e Lola Saunigo (París, Francia, 1997) dirixen e producen A morte do último alcalde franquista, un filme que foi presentado no Festival de Cans (O Porriño).

—Como chegaron a esta historia?
Andrew Finkelman: Fixen un curso sobre a construción da identidade a través da fotografía en España. Isto fíxome pensar en que historias se rexistran e como estas se lembran, especialmente en relación coa Guerra Civil e coa ditadura.

Lola Saunigo: Estudando antropoloxía intereseime moito en cuestións de historia e memoria colectiva. Algúns dos cursos que fixen estaban centrados precisamente nas dinámicas de poder na creación de arquivos: de quen se conta a historia, como se conta e por que? Que fai que algo teña valor, que mereza ser preservado 
e lembrado?

A.F.: Un día lin no xornal que o último alcalde designado por Franco morrera e que ía ser soterrado ese mesmo día en Beade. Nese momento non sabíamos onde estaba Beade nin quen era Senén Pousa Souto, mais chamei a Lola suxeríndolle ir, observar e levar algo de equipo de gravación por se acaso.

L.S.: Tiñamos unha sensación de emoción, curiosidade e urxencia sobre a historia de España e as maneiras nas que se falaba e non se falaba da ditadura. Durante o camiño debatemos sobre as formas nas que poderíamos filmar o evento sen faltar ao respecto á privacidade das persoas e á sacralidade dun funeral. Así, decidimos gravar sons da multitude, a choiva, os coches pasando e aparcando... E só filmar o espazo mentres as persoas abandonaban o funeral. 

—No filme, abordan o esquecemento como unha ferramenta.
A.F.: Durante os nosos primeiros meses en España lin A primer for forgetting (Unha guía para esquecer) de Lewis Hyde, onde o autor pon en cuestión a noción de que a memoria é sempre preferíbel ao esquecemento. Hyde tamén distingue entre amnistía amnésica e amnistía responsábel. Exercendo como profesor de inglés na Coruña notei que, como ocorre co silencio arredor de Franco, tamén existía pouco diálogo sobre Colón e a conquista de América. O feito de que o 12 de outubro sexa coñecido como a Festa Nacional de España deixa claro que revisar esta historia con perspectiva crítica e lembrar a violencia desta colonización podería requirir unha revisión da identidade española.

—Como entenderon a memoria histórica e colectiva desde os seus lugares de orixe?
A.F.: Estados Unidos está constantemente enfrontando a súa propia historia de escravitude e o desprazamento e xenocidio dos nativos americanos, sen mencionar os crimes imperialistas cometidos no estranxeiro. Ao longo da miña vida houbo cada vez máis debates sobre como tratar estas historias, mudando a maneira na que se ensina a historia estadounidense e eliminando homenaxes a donos de escravos. Algunhas persoas, especialmente aquelas que están en posicións de poder e que se benefician da actual iteración da memoria histórica, prefiren non revisar estas cousas e loitan polo esquecemento.

L.S.: En Francia, existen as formas oficiais nas que se aborda a historia colonial, mais tamén unha guerra de memorias, a través dos colonizados, colonizadores, colonos repatriados e os descendentes de todos eles. Isto xera unha memoria dividida, con representacións e demandas que ás veces son opostas. Aínda que Francia incorporou a historia colonial nos libros de texto, cunha maior énfase dos impactos negativos nas poboacións colonizadas, o enfoque tende a permanecer histórico, sen moita consideración polos impactos actuais dos seus crimes coloniais.