Antonio Morado, executoria dun verdugo que aínda mete medo

Celia González Pernas, após a súa morte, nunha foto procedente dos arquivos da Garda Civil. No seu asasinato participou un grupo da Garda Civil dirixido por Antonio Morado. A foto foi publicada en 1986 na revista 'Interviú' e nese mesmo ano no caderno de 'A Nosa Terra', "O 36 na Galiza". (Foto: ANT)

É desa clase de persoas que merecían non ter nacido. Pasou pola mundo facendo o mal aos bos. A súa historia arrepía e demanda vinganza. Chamábase Antonio Morado Rico é non ten dereito ao descanso.

O seu nome aínda mete medo entre aquelas xentes de Muras, Ourol, O Vicedo e Viveiro que foron crianzas naqueles terríbeis anos 40 e primeiros 50. Carga as súas costas con crimes terríbeis da xente ben que ficou para sempre na eternidade dos bos e petan no mundo da memoria reclamando xustiza.

O 25 de xuño de 1948 fixo parte do grupo da contrapartida que abriu fogo e rematou coa vida en Lourenzá (A Mariña) do guerrilleiro e Luis Trigo Chao “O Gardarríos” e a súa compañeira, Antonio Díaz Pérez. Uns meses máis tarde, en setembro dese ano, deixou sen vida a outro histórico guerrilleiro, tamén, socialista en Ourol (A Mariña), Leonardo Gómez “O Trancas”, veterano daquelas primeiras guerrillas plurais dirixidas por Neira.

Un mes máis tarde o 2 de outubro, naquel Ourol de loitadores enteiros, dirixiu o labor de caza contra José Porto Lestegás “O Herbellas” e Benedicto Escourido Cobo “O Lúa”. Mentres o primeiro quitouse a vida após horas de combate o segundo foi capturado ferido, sendo torturado ao longo dunha semana á vista da veciñanza e finalmente asasinado no salón do Carme de Abaixo (Ourol). 

A súa figura está detrás da acción que rematou coa vida dos loitadores antifascistas Juan Gallego Abeledo “O Comandante”, Juan Pérez Dopico “Xan de Xenaro”, Manuel Clavero de la Iglesia, Josefa Escourido Cobo “Xosefa da Lúa” e Celia González  Pernas “Celia da Ferraría” o 21 de xuño de 1949 na bouza do Forcón, na Pena Grande de Silán, no concello de Muras.

As contrapartidas

E así foron, un día e outro, os seus anos mariñaos á fronte dunha contrapartida con base no cuartel da Garda Civil de Viveiro, da que fixeron parte, entre outras xentes de mal, os axentes da benemérita Víctor Fernández Sanmartín, José Iglesias Campo, Antonio Nogueiras Fernández, Serapio Rodríguez Alvite, Andres Sánchez Yáñez, Manuel Pulido Vázquez. E había máis, tamén, fascistas curtidos na represión desde 1936 e conversos da causa popular.

Chamábase Antonio Morado Rico é foi un profesional do terror, especializado na loita contra a guerrilla e dirixente de diversas contrapartidas en todo o Estado. As contrapartidas foron unha ferramenta chave do réxime franquista para loitar contra a resistencia armada, dirixidas normalmente por algúns mando da Garda Civil, da que procedían a maior parte dos seus membros e vestidos de paisano, estas estruturas paramilitares caracterizáronse pola brutalidade dos seus métodos, superior a do resto dos corpos represivos”.

A executoria de Morado

Morado Rico naceu en Abeledo, no concello de Abadín, na comarca da Terra Cha, en 1919. Voluntario no exército franquista desde febreiro de 1938, rematada a Guerra Civil continuou mobilizado, alistándose en 1941 na División Azul, para ingresar na Garda Civil en 1943, onde comezou a súa traxectoria na loita contra a guerrilla.

As pegadas de Morado ficaron en moitas partes do Estado. Iniciado como integrante das contrapartidas en 1944 en Jaca (Aragón), foi destinado en 1946 a Ramales en Cantabria, retornando a Galiza en xaneiro de 1948, como responsábel da contrapartida de Monforte de Lemos, onde ficou na memoria polo seu sadismo. Destinado a Viveiro e posteriormente a Chantada, en 1952 atópase en Cofrantes (País Valencià), pasando posteriormente, por Andalucía, Asturias e Catalunya, onde morreu en Girona o 23 de novembro de 1953.

Morado deixou en todos os seus destinos un regueiro de sangue, sendo mesmo condenado por torturas e, posteriormente, amnistiado durante a súa etapa no País Valencià. Os seus crimes, todos, continúan impunes. As súas vítimas reclaman vinganza.