As asociacións da memoria denunciarán a impunidade diante do relator especial da ONU

onu

As asociacións que traballan na recuperación da memoria histórica trasladarán nesta cuarta feira en Compostela unha análise da situación ao relator especial da ONU, Pablo de Greiff. Cos datos na man, contan que o informe final cuestione a Transición, o esquecemento e a impunidade dos represores. 

O relator especial da ONU sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, Pablo de Greiff reunirase a cuarta feira Compostela coas asociacións de recuperación da memoria histórica galegas, coordinadas na Iniciativa Galega pola Memoria.  

O alto funcionario da ONU visita o Estado español para supervisar o cumprimento da lexislación internacional sobre dereitos humanos e as iniciativas de recuperación da memoria histórica e reparación das vítimas de violacións de dereitos humanos acontecidas despois do golpe militar do 36 e durante a ditadura. 

De orixe colombiana, Pablo de Greiff é director da Unidade de Investigación do “Centro Internacional para a Xustiza Transicional” e experto transicións democráticas e reparación a vítimas. 

De Greiff ten previsto presentar por volta de setembro de 2014 o seu informe diante do Consello de Dereitos Humanos da ONU, “do que vítimas, familiares de represaliados e asociacións pola recuperación da memoria histórica agardan un novo "tirón de orellas”, sinalan desde as asociacións que cualifican de “anormalidade democrática” un Estado que manteñan “150.000 asasinados nas cunetas, non persiga os represores, que non anule as inxustas causas xudiciais por motivos políticos, sindicais, etc.. de 1936 ata fin da década dos anos 70, e manteña honras e rúas dedicadas ás principais figuras da ditadura fascista”.