O BNG propón declarar a illa de San Simón "lugar de memoria democrática"

Carme da Silva, senadora do BNG. (Foto: Nós Diario).
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para solicitar que a Illa de San Simón, na ría de Vigo, sexa declarada e protexida como "lugar de memoria democrática".

Ante as actividades lucrativas que se están a desenvolver na illa por parte de empresas privadas, a senadora do BNG Carme da Silva pide ao Goberno que aclare estes usos e se realizou un seguimento de se se está a respectar a condición relativa ao acceso público e gratuíto á illa de San Simón. Así mesmo, Da Silva chama a iniciar o procedemento para declarar a illa como "Lugar de Memoria Democrática".

Segundo informa o BNG, o Ministerio de Medio Ambiente outorgou á Xunta da Galiza a concesión da ocupación de terreos da Illa de San Simón –ben pertencente ao dominio público marítimo-terrestre– para usos relacionados cos recursos mariños en 1997. Posteriormente, en 2001, autorizouse unha modificación na concesión para levar a cabo as obras contidas no Plan Director das Illas de San Simón e San Antonio, substituíndo as condicións de uso contidas na anterior concesión.

A concesión de 2001 é a que está vixente e estipula que "a illa non poderá dedicarse a usos distintos dos incluídos na concesión", e mesmo recolle como uso principal o docente e cultural, "quedando expresamente prohibido o uso hoteleiro", estabelecéndose así mesmo que a administración do Estado informará con carácter vinculante os proxectos de xestión directa ou indirecta que se presten nas illas.

"Ademais, quedou fixado o principio de acceso público e gratuíto", lembrou senadora do BNG. Con posterioridade, a Xunta da Galiza declarou as Illas de San Simón e San Antonio como Ben de Interese Cultural coa categoría de sitio histórico.

Memoria histórica

"A Illa de San Simón ten un gran valor simbólico como espazo da memoria histórica galega, por ter sido un triste escenario da represión franquista entre 1936 e 1943, así como tamén, lugar da loita pola liberdade, da solidariedade e da resistencia democrática fronte ao fascismo” subliñou Carme da Silva.

Entre 1936 e 1943 a illa converteuse en cárcere de presos políticos e espazo de represión polo réxime da Ditadura de Franco, un pasado, que segundo Da Silva  fai de San Simón "símbolo da dignificación das súas vítimas e no máis axeitado escenario para traballar na recuperación da historia recente da Galiza e fortalecer na nosa sociedade os valores democráticos e de respecto aos dereitos humanos e civís".

Xustiza

A Lei de Memoria Democrática aprobada en 2022 recolle que a Administración Xeral do Estado ten a competencia para declarar como "Lugares de memoria democrática" os espazos ou paraxes en que se tivesen desenvolto feitos de singular relevancia e significación histórica vinculados á memoria democrática e a represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao Golpe de Estado de xullo de 1936, a Guerra ou a Ditadura.

É neste marco normativo no que o BNG pide iniciar o procedemento para declarar "Lugar de Memoria Democrática" a illa de San Simón. Este trámite, que debe iniciarse de oficio pola Dirección Xeral competente en materia de Memoria Democrática, obrigaría as administracións a garantir a súa protección e facer xustiza.