Cambedo da Raia inaugura un monumento en homenaxe á loita antifascista da Galiza e Portugal

Homenaxe aos antifascistas galegos e portugueses na localidade Cambedo da Raia, no concello de Chaves, en Portugal. (Foto: Carlos Morais).

Cambedo da Raia é un dos lugares míticos da guerrilla galega. Ligado por razóns  históricas, culturais e de veciñanza coa Galiza, a súa memoria pide paso e busca saír á luz. Na tarde deste sábado, ducias de persoas uníronse nesta localidade para  homenaxear a loita antifascista galego-portuguesa.  

A localidade portuguesa de Cambedo da Raia, no concello de Chaves (norte de Portugal, fronte a Verín) inaugurou na tarde deste sábado un memorial en lembranza á veciñanza desta localidade perseguida polas ditaduras de Franco e Salazar pola súa loita contra o fascismo.

O acto desenvolveuse ás 15 horas portuguesa (16 horas galega) e contou coa presenza de ducias de persoas procedentes dunha banda e outra da Raia Seca. No mesmo, tomaron a palabra alcalde do municipio de Chaves, Nuno Vaz, e anterior presidente da Asemblea da República, Augusto Santos Silva.

A inauguración do monólito veu precedido de tres palestras. Unha delas, correu a cargo do investigador e historiador José Dias Baptista, outra chegou da man do deputado Rui Tavares e unha terceiro veu da man do investigador e presidente da asociación ourensá Amigos da República, David Simón, quen explicou a solidariedade portuguesa cos demócratas galegos.

A historia de Cambedo da Raia non se pode disociar dos sucesos de 19 de decembro de 1946, que rematou coa morte de dous guerrilleiros galegos e a condena a prisión de ducias de veciños da localidade, tras aparecer rodeada a parroquia de efectivos da Garda Civil española e de membros de diversos corpos de seguridade portugueses.

A envergadura do despregue de forzas da ditadura española e portuguesa e o cerco sobre as bases de apoio das guerrillas galegas na Raia Seca impediu a fuxida dos resistentes e obrigounos a unha batalla desigual que se alongou durante horas e onde se empregou artillaría pesada contra as vivendas de refuxio dos antifascistas.

Os resultados do confronto foron demoledores para a guerrilla galega. No combate morreron Bernardino García García e Juan Salgado Riveiro. O primeiro, natural de Viana do Bolo, após combater durante horas, rematou por suicidarse antes do final do confronto. O segundo, orixinario de Oimbra, destacado músico, militante libertario, ligado, ao tempo, á guerrilla de Mario de Langullo  non deu escapado ao cerco e acabou morto a mans das autoridades españolas.

As diversas tipoloxías represivas cebáronse cos outros membros do grupo e coa a súa rede de apoio. O seu máximo responsábel, Demetrio García, natural de Oímbra e no monte desde 1937 permaneceu encarcerado durante 19 anos, unha parte importante dos cales transcorreron no tristemente celebre campo de concentración de Tarrafal, en Cabo Verde. O seu cuñado, Manuel Barcia, e a súa familia sufriron, tamén, diversas penas de prisión de diferente consideración, morrendo o seu bebe, Primitivo, nun centro de reclusión da PIDE.

Unha das grandes estudosas da batalla do Cambedo, a antropóloga do Instituto de Historia Contemporánea da Universidade Nova de Lisboa, Paula Godinho sinalou que “a represión foi tremenda, con ducias de veciños detidos” e lembrou como “oito cidadáns españois de aldeas próximas foron xulgados e expulsados para o seu país, co prohibición de entrar en Portugal. Cambedo da Raia perdeu 18 dos seus habitantes por mais de un ano”.

A batalla do Cambedo significou o momento final dun proceso que se iniciara após o golpe de Estado de 1936, en que a permeabilidade da fronteira e o acollemento de quen fuxía do terror franquista na Galiza tiñan ocorrido en case toda a Raia”, afirmou Godinho, quen explica que o apoio dos veciños da Raia Seca aos fuxidos galegos como consecuencia dunha “historia longa, que une, nunha fronteira que foi menos clara até o Tratado de Limites de 1864. Historias de sociabilidades continuadas, resultantes dos traballos e da convivialidade”.

O historiador Dionisio Pereira é outras das persoas que ten traballou na Galiza a loita da guerrilla na Raia Seca. Neste sentido, destacou “o significativo apoio da poboación rural de Castro Laboreiro, da Serra da Peneda, do Barroso e da raia trasmontana á loita guerrilleira. Pola contra, as relacións coa oposición antisalazarista existiron pero foron pouco relevantes, agás no Cambedo onde o “aparello de fronteira” do PCP contou coa axuda da guerrilla alí radicada”.

En resumidas contas, a Raia Seca portuguesa viviu entre 1936 e 1947 nun estado de excepción non declarado”, afirmou Pereira, quen aseverou que “a reacción do salazarismo foi moi dura: centos de veciños e veciñas daquelas contornas pasaron polas cadeas da PIDE en Bragança, Chaves, Melgaço e Porto acusadas de colaborar coa guerrilla e, mesmo, dúas persoas, unha de Sernande (Vinhais) e outra de Sanfins da Castanheira (Chaves), morrerán polas torturas”.