A campaña ‘Fascismo Nunca Máis’ detecta a pervivencia de 13 símbolos franquistas na comarca de Vigo

O BNG exixiu a retirada de toda a simboloxía da ditadura que aínda existe en Vigo, Nigrán e Baiona.

 

Trece símbolos franquistas perviven na comarca de Vigo, ben en edificios oficiais (Instituto Santa Irene, Vigo), ben en espazos públicos (parques, fontes, lavadoiros... en Vigo, Baiona ou Nigrán). Simboloxía de 40 anos de ditadura que son denunciados na campaña ‘Fascismo Nunca Máis’ impulsada polo BNG. A portavoz municipal do BNG en Vigo, Iolanda Veloso; o concelleiro en Nigrán, Xavier Rodríguez; o concelleiro en Baiona, Iago Pereira; e o responsable comarcal, Manuel Caride, instaron “á retirada de toda esta simboloxía”, subliñaron ao tempo que defenderon o cumprimento da Lei de Memoria Histórica.

Iolanda Veloso salientou que ademais da cruz do Castro, en Vigo o franquismo está presente nun escudo na fachada do instituto Santa Irene; outro no edifico de Aduanas, e outro no do sindicato de estibadores; así como placas nas vivendas sociais de Ramiro Pascual, en Matamá; no grupo de vivendas sociais de Vilar; e na rúa Aragón número 216.

A respecto da cruz do Castro Iolanda Veloso lembrou que o BNG foi quen de levar esta cuestión ao pleno, solicitando o seu derrubo. En setembro do ano pasado a moción nacionalista contou co rexeitamento do PP e a abstención do PSOE, mentres que en setembro deste ano contou coa oposición tanto de PP e como de PSOE.

A igrexa

No que atinxe a Nigrán, o concelleiro Xavier Rodríguez destacou que os casos máis salientábeis de simboloxía franquista que perviven refírense a edificios relixiosos, como por exemplo unha placa no templo votivo de Panxón. “Con motivo da moción que presentamos, o Concello de Nigrán acordou solicitar a diocese o cumprimento da Lei de Memoria Histórica”, explicou.

Pola súa banda, o edil do Bloque en Baiona, Iago Pereira, salientou que grazas á campaña desenvolvida pola formación nacionalista foron localizados catro símbolos nesta localidade, situados na ex Colexiata, na fonte de subida á Virxe da Rocha, no lavadoiro do río Groba e na fachada do cemiterio.

“A permanencia de simboloxía fascista nos nosos concellos supón un insulto á memoria da xeración de galegas e galegos que sufriron o franquismo por defenderen a liberdade e os dereitos democráticos e nacionais do pobo galego”, subliñou o responsable comarcal do BNG.