'30 castelos para descubrir un reino'

O Castelo de Ribadavia, símbolo do poder señorial que exerceron os Sarmiento

Restos da antiga necrópole da desaparecida igrexa de San Xinés, no interior do recinto do castelo. (Foto: David Chao)
Tras a Revolta Irmandiña (1466-1469) e o asasinato de dona Tareixa de Zúñiga a mans dos seus vasalos en 1470, foi erixido o castelo de Ribadavia, cuxas ruínas constitúen aínda hoxe en día un símbolo do poder señorial que exerceron os Sarmiento sobre esta vila e a súa contorna, despois de chegar ao reino de Galiza no século XIV con motivo da entronización dos Trastámara na Coroa de Castela.

Actualmente, a vila de Ribadavia, situada a unha trintena de quilómetros da capital provincial de Ourense, encabeza o concello homónimo que, xunto cos de Melón, Leiro, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Beade, Avión e A Arnoia, conforman a bisbarra do Ribeiro. Estamos ante unha terra cunha forte personalidade histórica, na que destaca a importancia que adquiriu a produción vitivinícola ao longo dos séculos. Foi precisamente esa cultura do viño a que proxectou a súa sona máis alá do ámbito local e a que explica a complexa rede de intereses que teceron sobre o Ribeiro diferentes axentes señoriais e comerciais.

A monarquía, a nobreza, numerosas institucións relixiosas –como as comunidades monásticas de San Clodio, Oseira, Melón ou Celanova; os sanxoanistas da encomenda de Beade ou os cabidos de Ourense e Tui–, así como a propia comunidade xudía, tiveron desde a Idade Media unha importante presenza e impacto sobre este territorio, no que, desde o punto de vista xeográfico, destacan dous cursos fluviais: o do Miño e o do Avia. Precisamente, a orixe do nome de Ribadavia, como reflicten as fontes medievais, deriva da súa condición de enclave situado na ribeira do Avia: Ripa Avie. É, pois, aquí, onde xurdiu non só una vila medieval de notábel relevancia na historia do reino de Galiza, senón tamén un castelo que, a pesar do seu estado de conservación actual, segue a exemplificar a riqueza e monumentalidade do noso patrimonio histórico-artístico medieval.

Cunha longa historia de seu ao longo da Idade Media, Ribadavia constituía a finais dese período non só a cabeza da súa contorna senón tamén a dos amplos estados señoriais que pasaran a Bernaldino Pérez Sarmiento tras non poucas vicisitudes e disputas familiares. Foi precisamente nos inicios do señorío exercido por este –quen se converteu no I Conde de Ribadavia– cando se edificou o castelo, do que actualmente só conservamos as súas ruínas; uns restos cuxa historia e interpretación seguen a presentar unha notábel complexidade para os investigadores.

Porén, a monumentalidade deste patrimonio constitúe per se unha boa mostra do poder que os seus promotores quixeron proxectar sobre a vila, especialmente tras os violentos sucesos que supuxeran o asasinato de dona Tareixa de Zúñiga, madrasta e titora do herdeiro do señorío de Ribadavia, don Bernaldino, acontecido pouco antes de iniciarse unhas obras que parecen ser consecuencia directa destes feitos.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]