O CEIP Alexandre Bóveda de Redondela lembra o galeguista no día do seu aniversario

Amalia Bóveda pintando o mural no CEIP Alexandre Bóveda (Foto: CEIP Alexandre Bóveda).
A filla e o neto de Bóveda visitaron o centro escolar de Redondela que leva o nome do galeguista.

Na Galiza só dous centros educativos levan o nome de Alexandre Bóveda: un está no barrio vigués de Coia e o outro en Angorén (Chapela-Redondela). Este último celebrou onte o 121 cumpreanos de Bóveda. Por este motivo, o centro organizou un programa de actividades que comezou a semana pasada, co nomeamento da biblioteca escolar co nome de Ernestina Otero, a pedagoga de Redondela que tratou a Alexandre Bóveda, no que participou o neto da protagonista, Manuel Puga.

O 4 de xuño, coincidindo co día en que naceu Bóveda en 1903, visitaron o centro Amalia Bóveda (filla de Alexandre) e a Valentín García Bóveda (neto de Alexandre).

Após o recibimento cunha alborada, entregóuselle na biblioteca un pequeno libro reversible: por un lado, unha banda deseñada feita polo propio alumnado co propósito de ser unha forma didáctica e distinta de achegar a Bóveda a todo o alumnado e pola outra, unha breve biografía realizada polo técnico municipal, Xurxo Martínez González.

A continuación, Amalia pintou un anaco do mural que o colectivo Polo Correo do Vento quixo dedicar a Bóveda, no propio vestíbulo do centro educativo.

Amalia pintou precisamente a imaxe na cal aparecen os seus pais, Amalia Álvarez e Alexandre Bóveda, cun parasol nun dos retratos máis cariñosos da parella. Ademais, dirixiu unhas palabras ao público e entregou un retrato do seu pai que foi pendurado nunha das paredes do vestíbulo. Valentín, o neto, tamén quixo agradecer todo o cariño do alumnado.

O acto máis oficial aconteceu no patio do colexio con toda a comunidade educativa implicada. Pola tarde, no Auditorio de Chapela, cantaron as corais do Piñeral (de Chapela) e a Plifónica de Pontevedra.

Os actos continuarán mañá coa presenza de Xosé Manuel Beiras, quen falará sobre a vida e o legado de Alexandre Bóveda. Na sexta feira será o técnico de normalización, Xurxo Martínez, quen participará nun encontro sobre a importancia da educación en lingua galega.