Centos de persoas reclaman en San Simón a declaración da illa como ‘espazo da memoria’

Homenaxe ás vítimas do franquismo na illa de San Simón. (Foto: Nós Diario).

O movemento da memoria volveu un ano máis á illa de San Simón, no concello de Redondela, na comarca de Vigo, para denunciar a impunidade dos crimes do franquismo. Nesta ocasión, a xornada estivo marcada pola reivindicación da illa e do Pazo de Meirás como “espazos de memoria”.

Un grupo de varios de centos de persoas volveu este domingo á illa de San Simón para demandar reparación e xustiza. Na súa maioría, eran integrantes dos diversos colectivos da memoria existentes na Galiza, agrupados na coordinadora Iniciativa Galega pola Memoria (IGM).

A reivindicación da illa de San Simón (Redondela) e do pazo de Meirás (Sada) como como “lugares de memoria democrática” marcou a xornada. Neste sentido, o movemento memorialístico galego xa comezou os trámites para conseguir esa declaración para eses dous espazos.

O manifesto presentado na xornada de hoxe en San Símón puxo o foco nesta demanda. O texto, lido polo directivo da Fundación Luis Tilve Guillermo Pérez sinalaba que “a illa de San Simón e o Pazo de Meirás cumpren sobradamente coas características que esixe o artigo 49 da Lei de Memoria Democrática para ser declarados lugares de memoria”.

“Represión e violencia”

“Os dous son lugares vinculados á represión e violencia sobre a poboación”, afirmou Pérez, “lugares de memoria, lugares de resistencia, loita democrática e solidariedade, lugares vinculados á memoria democrática e antifascista, a loita da cidadanía polos seus dereitos, lugares onde se desenvolveron feitos de singular relevancia, pola súa significación histórica, simbólica, ou pola súa repercusión na memoria colectiva”.

Guillermo Pérez denunciou que “este espazo insular que hoxe pisamos é na actualidade un valor patrimonial, ambiental e esencialmente, un recurso da nosa memoria histórica democrática común, que se ve luxado con actividades de todo tipo, predominando en moitos dos casos as de lecer e tempo libre, sen aparente criterio, que acabou por converter a illa nunha atracción turística”.

Pérez referiuse a San Simón como “campo de concentración, prisión franquista e lugar de represión de 1936 a 1943, cunha dimensión que sobardou o país, significado no período en que as illas foron espazo de represa, cativerio, adoutrinamento, torturas, asasinatos”.

517 persoas mortas en sete anos

Xoán Carlos Abab Gallego cifrou en 517 o número de persoas mortas no campo de concentración de San Simón ao longo dos seus sete anos de funcionamento. A maioría das persoas que perderon a vida na illa foi a consecuencia da falta da atención medica e dos problemas alimentarios non sendo casual que a máis alta concentración de vítimas vaise dar  ao longo de 1941, cando os paseos e os fusilamentos en masa xa cesaran.

As execucións xudiciais e extraxudiciais foron unha constante para as persoas confinadas neste presidio. Así, en relación coas últimas ficaron na memoria nomes como do primeiro responsábel do campo de concentración, Fernando Lago Búa, ou o do capelán do centro de detención, o xesuíta Petronilo Nieto.

O pota Claudio Rodríguez Fer e a escritora Iria Morgade tiveron nas súas intervencións unha lembranza moi especial para todas as vítimas do xenocido franquista, que tipo en San Simón un dos seus capítulos mais crueis.