Cerdedo homenaxea ás vítimas da represión franquista

Monólito na Ponte do Barco, no lugar de Pedre, en homenaxe de Francisco Arca e Secundino Bugallo (Foto: Dionisio Pereira).

A Ponte do Barco, no lugar de Pedre, no actual concello de Cerdedo-Cotobade volve acoller o 13 de agosto ás 20 horas un acto de lembranza e reparación ás vítimas da ditadura no municipio.

A veciñanza de Cerdedo leva 20 anos reuníndose na Ponte do Barco da parroquia de Pedre para homenaxear a todas as vítimas do franquismo nas figuras de Francisco Arca e Secundino Bugallo, asasinados nese mesmo lugar o 13 de agosto de 1936.

Francisco Arca era un canteiro e tratante de gando da parroquia de Figueiroa (Cerdedo-Cotobade), que facía parte da directiva da “Sociedade O Traballo”, integrada na CNT e militaba en Esquerda Republicana.

Secundino Bugallo, antigo emigrante en Estados Unidos e tamén residente en Figueiroa, dedicábase ao trato e a cantaría e partillaba con Arca responsabilidades directivas na “Sociedade O Traballo” da CNT e afiliación en Esquerda Republicana.

Un dos promotores do acto desde 2005, o historiador Dionisio Pereira sinala a Nós Diario que Arca e Bugallo “foron asasinados por falanxistas cerdedenses e de Vilagarcía de Arousa, o 13 de agosto de 1936

Pereira apunta que “desta volta, quixemos ampliar esa memoria antifascista a outra persoa asasinada pouco despois de Severino e Francisco, na Abelera, José González Valeiras”´.

Foi o día 9 de setembro de 1936, cando na Abelera apareceu o corpo acribillado de José González Valeiras, un mecánico veciño de Señorín perto de O Carballiño, alcumado O Pintor, do que practicamente nada sabemos”, indica Pereira.

Os vitimarios

O historiador destaca que “88 anos despois do alzamento militar que ensanguentou estradas, rúas e rueiros, aínda é preciso defender que eses mandatos democráticos sustentados polo Consello de Dereitos Humanos da ONU son aplicábeis ás vítimas, mais tamén aos vitimarios”.

Porque non hai vítima sen verdugo”, continúa Pereira “e estes, continúan oficialmente impunes dos seus crimes de lesa humanidade e, con eles, o franquismo asasino que arestora pretende condicionar todo avance político e social no Estado español”.