Chantada acolle unha homenaxe á guerrilla anti-franquista

á

O acto decorrerá no cemiterio de San Fiz de Asma, ao pé da tumba de 'O Piloto'e coa presenza de ex-membros da guerrilla que loitou contra o fascismo.

Ás 12:00 deste sábado, 15 de marzo, no cemiterio de San Fiz de Asma (Chantada), ao pé da tumba de José Castro Veiga, 'O Piloto', guerrilleiro galego asasinado o 10 de marzo de 1965. É a data e lugar no que vai decorrer a homenaxe á guerrilla galega anti-franquista. Unha xornada na que haberá poesía, música, memoria e compromiso.

O acto dará comezo ás 12:00, segundo indican @s organizadores, coa colocación dunha escultura de Luis Loureira “para firme lembranza do pasado e confianza alerta co futuro”. Camilo de Dios (ex-membro da guerrilla antifranquista galega) será quen descubra a peza, xunto con Xosé Figueroa e Dositeo Moure.

"Firme lembranza do pasado e confianza alerta co futuro"

María Fariña, David Otero e Fernández Abella recitarán poemas. E Mini e Mero serán os encargados de poñer música a esta homenaxe. No acto tomarán a palabra diferentes persoas como Xesús Redondo Abuín (rianxeiro que por motivos políticos estivo preso en 11 cárceres franquistas) ou o historiador Uxío Diéguez, así como Carmen García-Rodeja, cun amplo traballo na memoria histórica; ou Xosé L. García. O ramo poñerao o presidente da Real Academia, Alonso Montero.

Foto (do Concello do Vicedo): Guerrilleiros anti-franquistas galegos que participaron na fuxida da praia de Abrela (1945) á súa chegada a Francia.