Día da Galiza Mártir

Compostela e Teo lembran Ánxel Casal 88 anos despois do seu asasinato: "As lembranzas transfórmanse nos cimentos do futuro"

Goretti Sanmartín, no centro, con autoridades asistentes ao acto de homenaxe a Ánxel Casal. (Foto: Concello de Santiago)
Na noite do 18 ao 19 de agosto de 1936 Ánxel Casal, que foi alcalde da capital galega, presidente da Deputación da Coruña, integrante do Partido Galeguista e impulsor do Estatuto do 36, foi asasinado polos golpistas por mor da súa traxectoria política. Esta segunda feira, os Concellos de Santiago e Teo lembraron a súa memoria e a de todas as persoas que foron represaliadas xunto a el por loitar pola liberdade e a democracia.

O Pazo de Raxoi acolleu esta segunda feira, coincidindo co 88 aniversario do seu asasinato a mans das forzas franquistas e por segundo ano consecutivo, unha homenaxe institucional ao alcalde republicano Ánxel Casal, en recoñecemento á súa memoria e á de todas as persoas que foron represaliadas xunto a el tras o golpe de 1936.

Nun acto ao que asistiron representantes de diversas asociacións e colectivos que traballan en prol da memoria histórica, a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, asegurou que "a memoria histórica é de grande importancia" porque "axuda a resignificar os feitos a partir do presente, pondo en perspectiva o vivido no pasado". 

Sanmartín destacou o labor de personalidades como Ánxel Casal ou María Miramontes, a súa compañeira de compromiso político e vida, que son "referentes para o noso país" grazas á súa loita. Goretti Sanmartín sinalou que "as lembranzas transfórmanse nos cimentos do futuro" e que, por iso, reivindicar a memoria histórica axuda a crear "a sociedade que busca este Goberno: máis libre, máis xusta e máis nosa", asegurou.

A rexedora manifestou a urxencia de "recordar" as persoas represaliadas tanto nas rúas, nas conversas, na cultura como nas aulas, pero tamén na política e nas propias administracións, e sinalou o compromiso "coa reivindicación de que a memoria sexa unha parte viva da nosa identidade colectiva"

No acto –que decorreu no Salón Nobre do Pazo de Raxoi e que contou coa presenza de, entre outras autoridades, de Antonio López, reitor da USC, e Manuel Villar, director do Museo do Pobo Galego–, tamén interviron o alcalde de Arzúa (comarca homónima), Xoán Xesús Carril, e Juan Jesús Cerqueiro Pintos, concelleiro de Servizos Sociais e Relacións Veciñais do Concello de Teo (comarca de Compostela), onde foi 'paseado' Casal.

Homenaxe en Cacheiras

Precisamente no Concello de Teo decorreu na mañá desta segunda feira outra homenaxe a Casal e "ao resto de vítimas da Guerra Civil española", no lugar de Cacheiras onde o 19 de agosto de 1935 apareceu o corpo do ex alcalde xunto ao de José Devesa Areosa, veciño de Compostela e militante de Izquierda Republicana. 

Acto decorrido esta segunda feira en Teo (comarca de Compostela), en homenaxe a Ánxel Casal. (Foto: Concello de Teo)

Neste acto oficial, "unha sentida ofrenda floral" no monólito situado na praza da Estivada da Ribeira con representación de varias pezas musicais interpretadas por gaiteiros do concello de Teo seguida dun minuto de silencio en respecto "a todas as vítimas da Guerra Civil española", participaron diversos concelleiros do Goberno local, así como representantes do resto da corporación municipal. Asistiron tamén integrantes da Corporación da capital galega e membros da asociación memorialista de Teo A Oliveira.