Tui solicita a declaración de catro "lugares de memoria democrática"

Praza da Inmaculada, en Tui, un dos lugares que o Concello quere resignificar. (Foto: Nós Diario)
A sinatura da solicitude por parte do alcalde formalizarase esta terza feira, cando fan 88 anos as execucións en Tui de dirixentes da sociedade civil e política, como Enrique Jaso, José Alonso, Francisco Guinde, José Barreiro, José Francés Carpintero e Manuel López Losada.

O alcalde de Tui (Baixo Miño), o socialista Enrique Cabaleiro, asinará esta terza feira, ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, a solicitude de declaración de catro enclaves do municipio como "lugares de memoria democrática". Trátase do antigo cárcere da Praza da Inmaculada, o parque da Alameda, o cuartel da Armada e mais o dos Carabineiros.

Esta solicitude, que anunciou esta segunda feira a través dun comunicado, diríxese á Dirección Xeral de Atención ás Vítimas e Promoción da Memoria Histórica do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, e ten por finalidade preservar a memoria das vítimas da guerra civil e da posterior represión da ditadura franquista, ademais de servir de recoñecemento e forma de erradicar calquera violencia política ou totalitarismo.

Coa declaración destes catro lugares búscase tamén crear un itinerario da memoria democrática en Tui, un concello que sufriu unha gran represión ao ser o último reduto de resistencia tras a sublevación das tropas fascistas do 18 de xullo de 1936. De feito, esta localidade e a comarca enteira do Baixo Miño non caeron baixo o control dos golpistas até o 26 de xullo de 1936, tras a caída de militares e milicianos na Volta da Moura (Salceda de Caselas).

A sinatura da solicitude por parte do alcalde formalizarase esta terza feira, cando fan 88 anos as execucións en Tui de dirixentes da sociedade civil e política, como Enrique Jaso, José Alonso, Francisco Guinde, José Barreiro, José Francés Carpintero e Manuel López Losada.

Para Enrique Cabaleiro, esta solicitude pretende conservar presente na memoria colectiva as figuras de homes e mulleres vítimas da represión e a violencia desatada tras o golpe militar, durante a guerra civil e na ditadura, como maneira de potenciar os valores democráticos.