A Coruña despide esta sexta feira a republicana Teresa Alvajar

Teresa Alvajar sendo adolescente, a primeira abaixo á esquerda, nunha visita da Agrupación Femenina Republicana a Compostela (1936)

María Teresa Alvajar, destacada republicana coruñesa, finou en xaneiro deste ano en Madrid e mañá sexta feira realízase na Coruña unha homenaxe despedida na que se espallarán as súas cinzas ao mar. 

Teresa Alvajar, encarcerada durante a Guerra e logo exiliada en Francia cos seus pais (César Alvajar e Amparo López Jean), fora nomeada Republicana de Honra no ano 2009 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. 

Faleceu o pasado 9 de xaneiro en Madrid, onde residía cunha das súas fillas, e mañá sexta feira a Coruña recibe as súas cinzas. Ás 12.30 celebrarase unha homenaxe no Concello, limitada á familia e amigos, con intervencións do alcalde e da súa filla Elena Martínez Alvajar. E, a seguir, ás 13.30 horas, no lugar de Punta Herminia, xunto ao memorial ás vítimas da represión franquista no Campo da Rata, levarase a cabo o espallamento das cinzas.