Homenaxean ás nove persoas asasinadas pola Garda Civil durante a folga xeral de 1901 na Coruña

Asistentes ao acto de homenaxe no cemiterio de santo Amaro na Coruña ás persoas asasinadas na folga xeral de 1901. (Foto: CGT)

O sindicato CGT volveu un ano máis ao cemiterio coruñés de santo Amaro para homenaxear ás vítimas da represión da folga xeral de 1901, popularmente coñecida como a “folga dos consumeiros”. O acto desenvolveuse a carón do monólito levantado en 1906 polas sociedades obreiras da cidade en lembranza destes feitos.

A folga xeral de maio de 1901 e a súa dura represión é un dos fitos chaves do movemento obreiro na Galiza. A protesta arrancou o 29 de maio, cando os empregados da concesionaria de consumos do  Concello da Coruña comezaron un paro en demanda de melloras laborais, que foi respondido polas autoridades gobernativas coa concentración de unidades da Garda Civil de todas as localidades da comarca.

O 31 de maio, a Garda Civil disparou contra unha marcha de 1.000 persoas que protestaba contra chegada a cidade de esquirois procedentes de Andalucía para rebentar a folga. As balas dos axentes da orde provocaron ducias de feridos e deixaron morto a Mauro Sánchez, un consumeiro de 34 anos, veciño de barrio da Torre e pai de cinco fillos.

O asasinato de Mauro Sánchez foi a chispa que levou ás organizacións obreiras a declarar a folga xeral. Neste contexto, as organizacións obreiras proclamaron a folga, contestando o capitán xeral coa declaración do Estado de guerra e coa saída á rúa das unidades do exercito que se sumaron a Garda Civil na represión da protesta.

Os asasinatos do 31 de maio

As consecuencias da intervención brutal da sección da Garda Civil a cabalo ás ordes do tenente Pedro Vázquez encheron á cidade de mortos e feridos. A medio camiño entre as cinco e as seis do serán do 31 de maio, as forzas da orde comezaron a dispersar á poboación que protestaba na rúa, abrindo fogo cos seus mauseres polas rúa Real, rúa Nova, Olmos, Fonte de santo André e provocando a morte de oito persoas.

Unha delas era Francisco García Lodeiro, alias Carabel, serrador de trinta e cinco anos, natural de Abegondo, na comarca da Coruña. Benita García Torres e Manuela González Seixo, empregadas do hotel de Francia, perderon a vida tras ser alcanzadas polas balas nun balcón do seu centro de traballo. Nunhas circunstancias, semellantes asasinaron a Josefa Corral, un muller de 42 anos morta na súa casa da rúa de santo André.

O augador Antonio Bruno Orro caeu morto na rúa mentres o zapateiro e dirixente sindical, Jacobo García finou tras ser baleado no local do sindicato de oficios varios da rúa da Cordelería.

A consecuencia das feridas recibidas nos sucesos de 31 de maio finaron nos dias seguintes outras dúas persoas. Unha das vítimas mortais era Antonio María Veiga, un carpinteiro ancián ferido na rúa Real. Outra, chamábase Encarnación Alonso, alcanzada na súa casa por unha bala.

Rematar co movemento obreiro

A resposta represiva ás protestas obreiras de maio de 1901 respondía á vontade do poder de acabar co movemento sindical na Coruña. Segundo analizou Antón Capelán, “a oligarquía local atopábase nun estado de pánico polo ascenso da mobilización obreira”, pretendendo “tanto as autoridades gobernamentais como a burguesía local aproveitar o estado de guerra para esnaquizar o movemento anarquista da Coruña”.

A xestión da crise que seguiu aos asasinatos de maio non deixa dúbidas desta motivación, significándose as decisións do capitán xeneral do 4 de xullo, onde decreta a disolución de todos os sindicatos obreiros da cidade así como o procesamento da practica totalidade dos membros das súas directivas.